O CONCELLO DE CERVO AVANZA NA ADECUACIÓN DO MUSEO DA CARPINTERÍA DE RIBEIRA, CUNHA ACTUACIÓN SUBVENCIONADA POLO GALP

museo carpintería

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández visitaron as obras, destinadas a mellorar as instalacións, a accesibilidade e as condicións de seguridade deste espazo dedicado ao patrimonio marítimo local.

O Concello de Cervo continúa avanzando na adecuación do Museo da Carpintería de Ribeira de San Ciprián, unha actuación que permitirá mellorar as condicións do edificio e preparalo para o desenvolvemento da súa actividade como espazo de divulgación e posta en valor da tradición mariñeira e dos antigos estaleiros da ría de Lieiro.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández visitaron as obras para comprobar a evolución dos traballos, que contan cunha subvención do GALP de 72.748,29 euros.

A intervención inclúe diferentes actuacións de mellora e acondicionamento do inmoble, entre elas a reparación da cuberta, o tratamento dos elementos de madeira, a adecuación dun aseo accesible, a instalación de novas infraestruturas eléctricas e de iluminación, así como a incorporación de medidas de protección contra incendios e elementos de seguridade.

Ademais das obras, o proxecto contempla a organización de diferentes actividades divulgativas que se desenvolverán no propio museo e que permitirán afondar no coñecemento da carpintería de ribeira, dos oficios tradicionais ligados ao mar e da importancia histórica dos estaleiros da zona. Estas iniciativas contribuirán a achegar este patrimonio a veciños e visitantes, favorecer a transmisión dos coñecementos vinculados á cultura mariñeira e reforzar o papel do museo como recurso cultural, educativo e turístico.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia desta actuación para seguir poñendo en valor o patrimonio marítimo de Cervo: “O Museo da Carpintería de Ribeira é un espazo fundamental para conservar e transmitir a nosa historia mariñeira, así como para dar a coñecer o traballo e o saber facer das persoas que dedicaron a súa vida aos estaleiros tradicionais. Con esta intervención queremos mellorar as instalacións e garantir que este legado poida seguir divulgándose en condicións adecuadas de accesibilidade e seguridade”.

García Caramés tamén puxo en valor a colaboración do GALP, que contribúe a facer posible esta actuación, e incidiu na importancia de seguir impulsando iniciativas que contribúan á conservación do patrimonio local e ao fortalecemento da identidade mariñeira do municipio.

O Museo da Carpintería de Ribeira forma parte do Ecomuseo Terras de Azul Cobalto, un proxecto cultural que percorre diferentes ámbitos da historia e do patrimonio de Cervo. Este espazo permite achegarse á tradición dos estaleiros de ribeira que existiron na ría de San Ciprián e comprender a importancia que a actividade marítima tivo no desenvolvemento da localidade.