O CONCELLO DE CERVO APOIA UNHA NOVA ACCIÓN VECIÑAS NA VEIGA, DENTRO DO PLAN ACCIÓN DE ALCOA
O Concello de Cervo colaborou nunha nova xornada de voluntariado promovida pola asociación A Rebolaxe, enmarcada no plan de acción de Alcoa.
A actuación consistiu na creación dun xardín xerófilo de inspiración xaponesa e estilo zen, nun espazo de arredor de 70 metros cadrados.
Plantáronse especies ornamentais resistentes á carga salina, combinando plantas aromáticas, cactáceas e outras variedades adaptadas a condicións de baixa dispoñibilidade de auga, co obxectivo de reducir as necesidades de rega e favorecer un mantemento máis sostible. O espazo completouse cun acolchado de ramas decorativas que reforza a súa estética natural
Ata alí achegáronse a alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, xunto con voluntarios/as de Alcoa e membros da asociación A Rebolaxe, promotora da iniciativa.
A alcaldesa puxo en valor este tipo de iniciativas, destacando que "son un magnífico exemplo do que se pode conseguir cando administración, asociacións e empresas colaboran cun obxectivo común: mellorar os nosos espazos públicos e facelos máis sostibles e agradables para toda a veciñanza". Nese sentido, sinalou que este novo xardín "non só embelece esta contorna da Veiga, senón que aposta por un modelo de xardinaría máis eficiente, con especies adaptadas ás condicións da nosa costa, resistentes á carga salina e con menores necesidades hídricas, favorecendo tamén un mantemento máis sostible".
Dolores García Caramés quixo agradecer expresamente "o compromiso e a implicación da asociación A Rebolaxe, do voluntariado de Alcoa e de todas as persoas participantes", e salientou que "a suma de esforzos é fundamental para seguir coidando e poñendo en valor os espazos comúns do noso concello".
Grazas a todas as persoas implicadas por facer posible esta actuación e por contribuír a construír un Cervo máis sostible.