O CONCELLO DE CERVO APOIA O TRABALLO DO CLUB MEDELA MTB CUNHA AXUDA NOMINATIVA DE 8.200 EUROS
A alcaldesa e o presidente do Club veñen de subscribir un convenio de colaboración co fin de contribuír ao desenvolvemento deste entidade que destaca polo seu gran traballo coa base, pola promoción do deporte ao aire libre e pola súa paixón polas dúas rodas
A axuda irá destinada a equipamento, material deportivo e tamén a colaborar nas tarefas de roza e mantemento do circuíto e das rutas que empregan habitualmente
O Concello de Cervo continúa nestes últimos días do ano co proceso de sinatura dos convenios de colaboración con diferentes entidades deportivas, sociais e culturais do municipio, “como recoñecemento ao traballo fundamental que desenvolven de xeito altruísta en beneficio de toda a veciñanza”.
Neste marco, a alcaldesa, Dolores García Caramés, vén de manter un encontro co presidente do Club Medela MTB, David Riera, no que asinaron un convenio de colaboración, que supón unha achega económica de 8.200 euros, destinada a sufragar gastos de equipamento, material deportivo e a contribuír ás tarefas de roza e mantemento tanto do seu circuíto como das rutas que utilizan para o desenvolvemento da súa actividade.
A rexedora quixo poñer en valor “o enorme traballo que está a facer o Medela MTB coa base, inculcando valores como o esforzo, a constancia, o compañeirismo e o respecto pola natureza, ao tempo que transmiten a súa paixón polas dúas rodas ás xeracións máis novas”. Destacou tamén o compromiso do club co coidado do entorno, mantendo en boas condicións espazos que son utilizados tanto polos deportistas como pola veciñanza en xeral.
Así mesmo, subliñou o carácter altruísta das persoas que forman parte do club, “que dedican moitas horas do seu tempo libre a fomentar o deporte, a vida saudable e a dinamización do noso municipio”.
A alcaldesa apuntou que, ademais desta axuda directa, desde o Concello de Cervo “seguiremos colaborando co Medela MTB en todo o que estea na nosa man, poñendo a disposición os medios materiais e humanos necesarios para apoiar unha labor que é moi positiva para Cervo e para a súa contorna”.