O CONCELLO DE CERVO ANIMA A ASISTIR Á TRADICIONAL FESTA DA CANDELARIA, EN RÚA, DO 30 DE XANEIRO AO 2 DE FEBREIRO
A celebración contará con destacadas actuacións musicais como Los Satélites, Origen, Olympus e Grupo Fénix
O venres celebrarase a III Festa dos Callos a partir das 21:00 horas
Os festexos desenvolveranse nunha carpa preparada para garantir o seu normal desenvolvemento ante posibles inclemencias meteorolóxicas
A parroquia de Rúa acollerá esta fin de semana, do 30 de xaneiro ao 2 de febreiro, unha nova edición das tradicionais festas da Candelaria, a primeira celebración patronal do ano no municipio.
A programación foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, o concelleiro Adrián Arias, xunto con membros da Comisión de Festas e da SD Candelaria, entidade encargada da organización da Festa dos Callos.
Os festexos arrincarán o venres 30 de xaneiro coa celebración da III Festa dos Callos, que dará comezo ás 21:00 horas. A partir das 22:30 horas terá lugar unha gran verbena coa actuación de Los Satélites, seguida da Disco Móbil Conxuro, que se encargará de prolongar a festa. O prezo é de 12 euros, e os tickets están dispoñibles en diferentes establecementos hostaleiros da comarca e tamén a través do teléfono 615 17 74 31.
O sábado 31 de xaneiro, ás 13:00 horas, celebrarase unha misa cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida de procesión acompañada dos gaiteiros de Ledicia.. A continuación, haberá sesión vermú con Primera Línea. Pola noite, a partir das 22:00 horas, celebrarase unha gran verbena con Origen e Olympus.
O domingo 1 de febreiro, ás 13:00 horas, terá lugar unha misa cantada de novo polo Coro Parroquial de Cervo e procesión acompañada dos Gaiteiros de Ledicia. A xornada continuará cunha sesión vermú longa a cargo do Grupo Fénix.
Finalmente, o luns 2 de febreiro, día grande da patroa, celebrarase ás 13:00 horas unha misa cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida de procesión acompañada de gaiteiros.
A alcaldesa destacou a relevancia destas festas para a vida social e cultural do municipio e sinalou que “a Candelaria é unha celebración moi querida, que cada ano reúne a veciñanza arredor das nosas tradicións e contribúe a dinamizar a parroquia”. Así mesmo, puxo en valor “o traballo da Comisión de Festas e da SD Candelaria por facer posible un programa atractivo e de calidade”.
Desde o Concello de Cervo anímase a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas festas da Candelaria, unha cita que combina tradición, gastronomía e música, e que marca o inicio do calendario festivo no municipio.