O CONCELLO DE CERVO ANIMA A ADQUIRIR OS PRODUTOS OFICIAIS DA MARUXAINA NA CASETA INSTALADA NA PRAZA DOS CAMPOS
A caseta, situada na Praza dos Campos, ofrece camisetas, bolsas, panos, o libro da Maruxaina e as dúas tazas conmemorativas desta edición, a de cerámica obra de Ánxel Cao, e a de barro elaborada por Saúde Mental A Mariña
O Concello de Cervo anima a veciños, veciñas e visitantes a achegarse á caseta oficial da Maruxaina, instalada na Praza dos Campos, onde xa están á venda os produtos oficiais desta nova edición da festa.
Entre os artigos que se poden adquirir figuran camisetas para home, muller e nenos e nenas, bolsas, panos, o libro da Maruxaina e dúas tazas conmemorativas desta edición. Por unha banda, a taza artística de cerámica deseñada por Ánxel Cao, inspirada na forma dun percebe; e, por outra, a taza de barro elaborada por Saúde Mental A Mariña, que reproduce o cartel oficial da Maruxaina 2026.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros Adrián Arias e Mali Méndez, presentou este xoves a taza de barro xunto ás persoas usuarias e profesionais de Saúde Mental A Mariña, responsables da súa elaboración na propia caseta.
A rexedora quixo agradecer a implicación de todas as persoas e colectivos que colaboran para facer posible esta iniciativa. "Quero agradecer a Ánxel Cao o deseño da súa magnífica taza de cerámica, así como a Saúde Mental A Mariña o excelente traballo realizado na elaboración da taza de barro desta edición.
O meu agradecemento tamén á Asociación Mulleres de San Ciprián , que un ano máis colabora activamente na venda dos produtos oficiais da Maruxaina. Esta implicación colectiva contribúe a engrandecer unha festa que forma parte da nosa identidade e da que nos sentimos profundamente orgullosos", destacou.
Desde o Concello lembran que a compra dos produtos oficiais contribúe á promoción da Festa da Maruxaina e permite levar un recordo único dunha celebración que é un dos grandes referentes festivos e culturais da bisbarra.