O CONCELLO DE CERVO AGRADECE Á XUNTA O INVESTIMENTO DE 60.000 EUROS NA MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DA PISCINA

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, recibiu nas instalacións deportivas municipais á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nunha visita na que puideron comprobar o funcionamento da nova caldeira de biomasa (pellets) destinada á xeración de auga quente sanitaria.

O Concello de Cervo quere agradecer á Xunta de Galicia o investimento de 60.000 euros destinado á mellora da eficiencia enerxética da piscina municipal de Lieiro, unha actuación financiada ao abeiro do Fondo de Cooperación Local dirixido a concellos de menos de 15.000 habitantes.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, recibiu nas instalacións deportivas municipais á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nunha visita na que puideron comprobar o funcionamento da nova caldeira de biomasa (pellets) destinada á xeración de auga quente sanitaria.

Esta actuación permitiu substituír o anterior sistema baseado en resistencias eléctricas por un equipamento máis eficiente e sostible, que reduce de maneira notable o consumo eléctrico, mellora a eficiencia enerxética e contribúe á diminución das emisións de CO₂, garantindo ademais unha subministración estable de auga quente durante todo o ano.

Durante a visita, a alcaldesa puxo en valor “o apoio da Xunta de Galicia para modernizar infraestruturas municipais e avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible”, destacando que este tipo de investimentos “repercuten directamente na mellora dos servizos públicos e no benestar da veciñanza”.

Desde o Concello de Cervo subliñan que esta actuación se enmarca na estratexia municipal de sustentabilidade e eficiencia enerxética, e complementa outras melloras recentes realizadas nas instalacións deportivas municipais, reafirmando o compromiso de seguir apostando por equipamentos máis modernos, eficientes e respectuosos co medio ambiente.