O CONCELLO DE CERVO ACOLLERÁ O PROVINCIAL DE XOGADE O 10 DE MAIO NAS PISTAS DE ATLETISMO DA VEIGA
Durante a presentación puxéronse en valor as excelentes condicións das pistas da Veiga para acoller unha competición destas características, así como a capacidade organizativa do municipio para desenvolver eventos deportivos de primeiro nivel.
O Concello de Cervo será sede o vindeiro 10 de maio do Campionato Provincial de XOGADE, que se disputará nas pistas municipais de atletismo da Veiga pola mañá.
A cita foi presentada esta tarde nas propias instalacións, aproveitando o ambiente deportivo da celebración da cuarta e derradeira proba preparatoria do programa, nas pistas cervenses.
No acto participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Cadramón; o delegado responsable da Federación Galega de Atletismo, Pablo Gandoy, a concelleira Mali Méndez e o edil Alfredo Fernández.
Durante a presentación puxéronse en valor as excelentes condicións das pistas da Veiga para acoller unha competición destas características, así como a capacidade organizativa do municipio para desenvolver eventos deportivos de primeiro nivel.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, agradeceu á Xunta de Galicia que volvera confiar en Cervo para a celebración dunha cita deportiva destas características e destacou que “é unha satisfacción que o noso municipio sexa novamente escenario dunha proba provincial, o que demostra o nivel das nosas instalacións e a importancia do traballo conxunto de clubs e institucións, para impulsar o deporte base”.
Así mesmo, salientou que “acoller este campionato supón tamén unha oportunidade para seguir posicionando Cervo como referente no atletismo e para dinamizar o municipio coa chegada de deportistas, familias e acompañantes durante toda a xornada”.
O Campionato Provincial de XOGADE reunirá en Cervo a numerosos escolares de toda a provincia, convertendo o municipio nun referente do deporte base e reforzando a aposta do Concello pola promoción da actividade física entre a mocidade.