O CONCELLO DE CERVO ACOLLERÁ O III TRAIL A FUME DE CAROZO O DOMINGO 8 DE XUÑO

A cita deportiva está organizada polo Club local que dá nome ao evento coa colaboración do Concello de Cervo
Está prevista unha andaina de 13 quilómetros, un trail curto de 16 quilómetros, e outro de 25 quilómetros
A saída e a meta serán na Praza dos Campos, en San Ciprián
A inscrición poderase formalizar ata o 5 de xuño en www.ccnorte.com
O Concello de Cervo acollerá a terceira edición do Trail A Fume de Carozo o domingo, 8 de xuño, a partir das 10:00 horas.
A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, e por unha representación dos membros do club local A Fume de Carozo, na contorna da Praza dos Campos, onde será a saída e a meta da competición.
Tal e como explicaron desde a organización, haberá unha andaina de 13 quilómetros cun desnivel aproximado de +300 metros, un trail de 16 quilómetros cun desnivel aproximado de +600 metros e un trail de 25 quilómetros cun desnivel aproximado de +1000 metros.
Nos trails tan só poderán participar as persoas maiores de 18 anos, pero a Andaina si que estará aberta para menores coa correspondente autorización do pai, nai ou titor/a.
Toda a información relativa ao evento e a inscrición está dispoñible a través da ligazón:
https://ccnorte.com/evento/detalle/id/3045/iii-trail-a-fume-de-carozo-2025
Todas as persoas inscritas recibirán un agasallo, e a inscrición inclúe seguro, avituallamento, dorsal e servizo de duchas.
En ámbolos dous trails haberá trofeo para os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina; e premiarase oa mellor e á mellor atleta na categoría absoluta (18-39 anos), veteranos A (40-49 anos) e veteranos B (de 50 anos en diante), ademais haberá un trofeo específico para o mellor clasificado e a mellor clasificada local.
Desde o Concello de Cervo animan a desfrutar desta proba xa consolidada como un dos eventos deportivos máis destacados do municipio e que combina natureza e deporte nun mesmo escenario.
A alcaldesa quixo poñer en valor o esforzo que hai detrás do evento por parte dos membros e colaboradores do club de trail A Fume de Carozo, poñendo o foco na importancia de “seguir apostando por este tipo de iniciativas que ademais de ser un escaparate turístico de primeira orde, dinamizan a vida das nosas vilas, e fomentan tamén hábitos de vida saudables, sempre cun respecto absoluto pola nosa contorna”.