O CONCELLO DE CERVO ACOLLERÁ O III GALEGO E INTERAUTONÓMICO DE KUNGFU ESTE SÁBADO, 27 DE XUÑO
A cita será no Pavillón do CEIP Península da Paz , a partir das 10:00 horas
Hai xa máis de 150 inscricións de toda Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria, País Vasco e Madrid; e a entrada é de balde para todos os públicos
O Concello de Cervo, en colaboración coa Federación Galega de Kárate, acollerá o III Campionato Galego de Kung Fu e o III Interautonómico desta mesma disciplina, este próximo sábado, 27 de xuño.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou o evento acompañada do director Nacional de Kung Fu da Real Federación Española de Kárate, Miguel Ángel Rojo, veciño tamén do municipio.
Hai xa máis de 150 inscricións de toda Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria, País Vasco e Madrid.
A proba disputarase a partir das 10:00 horas no Pavillón do CEIP Península da Paz.
A competición depende do departamento de Kung Fu da Federación Galega de Kárate , os participantes competirán nas modalidades de Taolu (formas ao aire) con armas e man baleira e Taishou (combate).
Ademais, na modalidade de Tao Lu, haberá competición individual e por parellas.
A alcaldesa quixo ter palabras de agradecemento para a Federación Galega de Kárate e, de maneira especial, “a implicación de Miguel Ángel Rojo, veciño de Cervo e gran impulsor desta disciplina, que fai posible que poidamos desfrutar dun evento destas características no noso concello.”
“Animamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten durante a fin de semana a achegarse ao Pavillón do CEIP Península da Paz para gozar dun espectáculo deportivo de gran nivel. Ademais de promover valores como o esforzo, a disciplina e o respecto, este campionato é unha magnífica oportunidade para achegar o kung fu ao público en xeral”, engadiu.