O CONCELLO DE CERVO ACADOU O APOIO UNÁNIME DA CORPORACIÓN PARA ESIXIR Á DEPUTACIÓN A REACTIVACIÓN E FINALIZACIÓN DO ACCESO AO POLÍGONO DE CUIÑA

acceso polígono deputación

A iniciativa pon o foco nunha situación que se prolonga no tempo e que afecta directamente ás empresas instaladas no polígono, ás persoas traballadoras e ao conxunto de usuarios destas instalacións. O acceso actual, que enlaza coa estrada N-642, presenta condicións que non foron deseñadas para soportar de maneira axeitada o tráfico pesado propio dunha área industrial, polo que resulta necesaria unha solución definitiva que mellore a circulación e a seguridade viaria.

O Concello de Cervo conseguiu o respaldo unánime de toda a Corporación municipal á moción presentada polo equipo de goberno no último pleno para reclamar á Deputación Provincial de Lugo a reactivación e finalización do acceso ao Polígono Industrial de Cuiña, unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento económico e industrial do municipio.

A iniciativa pon o foco nunha situación que se prolonga no tempo e que afecta directamente ás empresas instaladas no polígono, ás persoas traballadoras e ao conxunto de usuarios destas instalacións. O acceso actual, que enlaza coa estrada N-642, presenta condicións que non foron deseñadas para soportar de maneira axeitada o tráfico pesado propio dunha área industrial, polo que resulta necesaria unha solución definitiva que mellore a circulación e a seguridade viaria.

A moción aprobada insta á Deputación de Lugo a reactivar o proxecto coa maior brevidade posible e a impulsar as actuacións necesarias para a súa execución definitiva. Ademais, reclama que a institución provincial comunique ao Concello de Cervo unha planificación concreta, que inclúa a situación actual do proxecto, os trámites pendentes e unha previsión temporal para a continuación e finalización das obras.

O acordo tamén solicita información sobre as partidas económicas e os importes consignados ou previstos para financiar esta infraestrutura, así como sobre a dispoñibilidade dos recursos necesarios para acometer a actuación.

Desde o equipo de goberno destacan que o respaldo unánime da Corporación representa unha mensaxe clara á Deputación: existe un consenso municipal sobre a necesidade de desbloquear unha obra fundamental para o presente e o futuro do tecido empresarial de Cervo.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, pide agora que ese apoio unánime se traduza en feitos e que a Deputación cumpra co compromiso de dar unha solución a esta infraestrutura. Image removed.“O acceso ao Polígono Industrial de Cuiña non pode seguir acumulando atrasos. Falamos dunha actuación necesaria para as empresas, para as persoas que traballan nel e para garantir unhas condicións de circulación e seguridade adecuadas. Agora que toda a Corporación está de acordo, o que pedimos é que a Deputación dea un paso adiante e concrete cando e como vai acometer esta obra”, sinala.

O Concello continúa investindo na mellora do Polígono

O Goberno municipal subliña que esta reclamación se enmarca no compromiso do Concello coa mellora continua do Polígono Industrial de Cuiña. Neste sentido, están en marcha as obras de renovación e mellora da accesibilidade das beirarrúas do vial principal, cun investimento superior aos 160.000 euros, dos cales case o 75 % están financiados pola Xunta de Galicia, que permitirán mellorar a accesibilidade e as condicións de tránsito peonil neste espazo empresarial.

Esta actuación súmase a outras medidas municipais para favorecer a actividade económica, como a bonificación do 50 % no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para facilitar a implantación ou ampliación de proxectos empresariais no polígono.

A rexedora insiste en que o Concello continuará reclamando información e avances concretos á Deputación. “Desde o Concello estamos a facer o noso traballo para mellorar o polígono e apoiar as empresas, pero necesitamos que a Deputación tamén cumpra coa súa parte e dea unha resposta definitiva a unha infraestrutura que leva demasiado tempo pendente”, conclúe.