O CONCELLO DE CERVO ACADA ACORDOS COA AUTORIDADE PORTUARIA PARA MELLORAR A ATALAIA E RECUPERAR OS SEUS ESPAZOS
A alcaldesa, Dolores García Caramés, concretou en Ferrol as actuacións solicitadas polo Concello para o mantemento da contorna, a recuperación do parque de calistenia e a mellora do aparcamento.
O Concello obtén unha autorización por tres anos para actuar nas zonas axardinadas co persoal municipal e co Obradoiro de Emprego de Xardinería.
A rexedora reiterou tamén a petición de cesión das antigas casas dos fareiros para crear un centro de interpretación arqueolóxica de Cervo e un museo dos faros.
O Concello de Cervo continúa impulsando a recuperación e posta en valor da contorna da Atalaia, en San Ciprián, tras alcanzar diferentes acordos coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que permitirán atender as necesidades trasladadas desde o Goberno municipal.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, desprazouse este venres ata Ferrol para manter un encontro co Presidente da Autoridade Portuaria, José Antonio Álvarez Vidal, e concretar as peticións formuladas polo Concello. As actuacións foran revisadas previamente sobre o terreo coa rexedora, co obxectivo de identificar as intervencións necesarias para mellorar este espazo.
Un dos principais acordos é a autorización ao Concello de Cervo, por un período de tres anos, para realizar labores de conservación, mantemento e mellora das zonas verdes e axardinadas da Atalaia, en terreos de titularidade portuaria. Os traballos serán desenvolvidos polos xardineiros municipais e polo alumnado e persoal responsable do Obradoiro de Emprego de Xardinería, promovido polo Concello de Cervo coa participación dos concellos de Burela e Xove e financiado pola Xunta de Galicia. Incluirán limpeza, roza, control da vexetación, retirada de plantas invasoras, sega do céspede e reposición de especies vexetais cando sexa necesario.
Ademais, a Autoridade Portuaria atenderá as solicitudes municipais para repoñer o parque de calistenia que existía anteriormente na Atalaia e actuar na zona de aparcamento, co fin de mellorar as súas condicións de uso e o acceso á contorna. Estas intervencións responden ás necesidades identificadas e trasladadas polo Concello de Cervo.
Durante a reunión, a alcaldesa reiterou tamén o interese municipal en conseguir a cesión das dúas antigas vivendas dos fareiros, actualmente desocupadas tras a xubilación dos profesionais que residían nelas. A proposta contempla destinar unha delas a un centro de interpretación arqueolóxica de Cervo e a outra a un museo dos faros, para divulgar o patrimonio arqueolóxico, a historia da sinalización marítima e a memoria dos fareiros. A cesión destes inmobles continúa pendente de tramitación, pero o Concello considera que a súa recuperación permitiría darlles un novo uso público e ampliar a oferta cultural e patrimonial do municipio.
A alcaldesa destacou que “desde o Concello levamos tempo traballando para mellorar a Atalaia. Coñecemos as necesidades deste espazo, trasladámolas á Autoridade Portuaria e revisamos sobre o terreo as actuacións que considerabamos necesarias. Estes acordos permítennos dar pasos concretos na súa recuperación e mantemento”.
García Caramés salientou que “para nós era importante conseguir unha autorización que nos permitise actuar directamente, tanto cos nosos xardineiros municipais como a través do Obradoiro de Emprego, e garantir un coidado continuado deste espazo”. A rexedora agradeceu á Autoridade Portuaria a disposición para atender as peticións municipais e engadiu que “queremos recuperar as casas dos fareiros e darlles unha nova vida, vinculada á nosa historia, ao patrimonio arqueolóxico e á tradición marítima de San Ciprián”.
“A Atalaia forma parte da nosa identidade e merece que sigamos traballando por ela. O noso compromiso é coidar os espazos públicos, recuperar o noso patrimonio e seguir conseguindo melloras para todo o municipio”, concluíu.