O CONCELLO DE CERVO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA UNHA NOVA EDICIÓN DE CERVO CONCILIA
O programa de conciliación familiar, enmarcado no programa Corresponsables en Cervo en colaboración coa Xunta de Galicia, está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e desenvolverase do 22 de xuño ao 8 de setembro, ambos incluídos.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de xuño.
O Concello de Cervo pon en marcha este verán unha nova edición do programa “Cervo Concilia”, unha iniciativa consolidada que ten como principal obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período de vacacións escolares.
O programa está destinado a crianzas de entre 3 e 12 anos e contará cun amplo calendario de actividades educativas, deportivas, culturais e de lecer, deseñadas para fomentar a aprendizaxe, a creatividade e a convivencia nun ambiente lúdico e participativo.
“Cervo Concilia” desenvolverase do 22 de xuño ao 8 de setembro, en horario de 8:30 a 14:30 horas. Ademais, as familias que precisen facer uso do servizo Cervo Madruga poderán deixar as crianzas entre as 7:30 e as 8:30 horas.
As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello ata o vindeiro 15 de xuño.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destaca que “este programa constitúe unha ferramenta fundamental para moitas familias do municipio, xa que lles permite compatibilizar as obrigas laborais co coidado dos seus fillos e fillas durante os meses de verán. Ao mesmo tempo, ofrecemos ás crianzas unha proposta atractiva e variada de actividades que favorecen a diversión, a aprendizaxe e as relacións sociais”.