O CONCELLO DE CERVO ABRE AO PÚBLICO O RENOVADO PARQUE INFANTIL DA PRAZA DOS CAMPOS DE SAN CIPRIÁN

apertura parque sanci

A apertura tivo lugar esta tarde cunha xornada de actividades infantís na que houbo música, pintacaras e globoflexia, propostas coas que os máis pequenos puideron desfrutar do novo espazo.

O parque infantil da Praza dos Campos de San Ciprián xa está aberto ao público tras finalizar os traballos de renovación integral das instalacións, que permiten contar cun espazo de xogo completamente renovado e adaptado ás necesidades dos nenos e nenas.

A apertura tivo lugar esta tarde cunha xornada de actividades infantís na que houbo música, pintacaras e globoflexia, propostas coas que os máis pequenos puideron desfrutar do novo espazo.

A actuación incluíu a retirada dos antigos elementos de xogo, do pavimento de caucho e do peche perimetral, así como a instalación de novos equipamentos homologados e adaptados a diferentes franxas de idade.

Entre os elementos incorporados figuran xogos combinados e temáticos, randeeiras, xogos de muelle, un trampolín e outras estruturas que ofrecen distintas posibilidades de entretemento e actividade.

O recinto conta tamén cun novo pavimento continuo de seguridade, executado con caucho reciclado e EPDM, deseñado para absorber os impactos e cumprir coa normativa vixente. Así mesmo, instalouse un novo cerramento perimetral fabricado en polímero reciclado.

Os traballos supuxeron un investimento de 320.845 euros, financiados integramente con fondos propios municipais.

Coa apertura das instalacións, a Praza dos Campos conta de novo cunha área infantil dispoñible para o lecer dos nenos e nenas e as familias de San Ciprián.