O CONCELLO DE CERVO ABRE AO PÚBLICO A EXPOSICIÓN “OUTONO E CAMIÑOS DA ARTE XAPONESA”, DA PINTORA ÁNGELES COSTAFREDA
A mostra reúne arredor de 56 traballos, entre pinturas outonais, sumi-é, caligrafías xaponesas e haikus, xunto con monotipos gelli prints e pinturas acrílicas. Un conxunto de obras no que a natureza, a calma, a meditación e o amor pola contorna constitúen o fío condutor, achegando ao público a particular sensibilidade da arte xaponesa.
A mostra reúne arredor de 56 obras inspiradas na natureza e na sensibilidade artística xaponesa e poderá visitarse na Casa da Cultura ata o vindeiro 18 de decembro.
A exposición “Outono e camiños da arte xaponesa”, da pintora Costafreda, xa se pode visitar na Casa da Cultura de San Ciprián tras a súa apertura ao público este mediodía. No acto estiveron presentes a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; a concelleira Mali Méndez; a propia artista, Ángeles Costafreda, así como veciños, veciñas, amizades e outras persoas que se achegaron para coñecer esta proposta artística.
A mostra reúne arredor de 56 traballos, entre pinturas outonais, sumi-é, caligrafías xaponesas e haikus, xunto con monotipos gelli prints e pinturas acrílicas. Un conxunto de obras no que a natureza, a calma, a meditación e o amor pola contorna constitúen o fío condutor, achegando ao público a particular sensibilidade da arte xaponesa.
Desde o Concello de Cervo agradecen á artista que comparta o seu traballo con todos os visitantes e animan a veciñanza e ás persoas interesadas a achegarse á Casa da Cultura de San Ciprián para descubrir esta colección e gozar dunha proposta que invita a parar, observar e conectar coa natureza a través da arte.
A exposición poderá visitarse ata o 18 de decembro de luns a xoves, de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os venres de 9:00 a 14:00 horas.