O ALUMNADO DO CEIP DE CERVO COÑECEU DE PRETO O FUNCIONAMENTO DO CONCELLO DA MAN DA ALCALDESA

A alcaldesa destacou o interese e a participación dos escolares durante toda a visita. “Foi moi gratificante compartir este tempo cos nenos e nenas do CEIP de Cervo, que demostraron unha enorme curiosidade e moitas ganas de aprender como funciona o seu Concello e o traballo que realizamos para mellorar o día a día dos veciños”, sinalou García Caramés.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, recibiu este martes no Salón de Plenos do Concello ao alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria do CEIP de Cervo, nunha visita promovida polo propio centro educativo co obxectivo de que os nenos e nenas coñecesen de primeira man o funcionamento da administración local.

Durante o encontro, o alumnado amosou unha grande curiosidade polo traballo que se desenvolve no Concello, formulando numerosas preguntas sobre os servizos municipais, as funcións da alcaldía e o proceso de toma de decisións na administración máis próxima á cidadanía.

A alcaldesa destacou o interese e a participación dos escolares durante toda a visita. “Foi moi gratificante compartir este tempo cos nenos e nenas do CEIP de Cervo, que demostraron unha enorme curiosidade e moitas ganas de aprender como funciona o seu Concello e o traballo que realizamos para mellorar o día a día dos veciños”, sinalou García Caramés.

A continuación, os estudantes celebraron unha sesión da Asemblea Escolar “Somos Cervo”, unha iniciativa impulsada polo centro educativo que busca fomentar a participación activa e democrática do alumnado na vida escolar.

Neste marco, os representantes trasladaron á alcaldesa diferentes propostas de mellora para o colexio. A rexedora explicoulles que estas peticións poderán ser presentadas polos cauces administrativos correspondentes, co fin de que coñezan tamén de primeira man como se tramitan as solicitudes e propostas ante a administración.

“É importante que os máis novos comprendan non só como funciona un Concello, senón tamén como se poden canalizar as súas ideas e inquedanzas para contribuír á mellora da súa contorna”, apuntou a alcaldesa.

A alcaldesa valorou moi positivamente as propostas formuladas polos representantes da Asemblea Escolar destacando a súa creatividade, responsabilidade e compromiso coa mellora do centro educativo. “É moi satisfactorio comprobar que os máis novos se implican activamente na procura de solucións e na construción dun colexio e dun municipio mellores. As súas achegas son moi valiosas e demostran que teñen unha visión moi clara das necesidades e oportunidades da súa contorna”, sinalou García Caramés.

Desde o Concello de Cervo agradeceron ao CEIP de Cervo esta iniciativa, que contribúe a fortalecer os valores democráticos e o coñecemento da administración pública entre as novas xeracións.