ALFONSO VILLARES: 'TEÑEN QUE FACER O POSIBLE PARA QUE AS CUBAS SIGAN FUNCIONANDO'

O rexedor cervense amosa a súa solidariedade aos traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares, así como as súas familias, nun intre tan angustioso “que ninguén quería que chegase pero que agora temos que afrontar coa esperanza de que se materialicen canto antes os compromisos políticos adquiridos”

O alcalde precisa que “a Mariña non se pode render agora” temos que seguir unidos pelexando polo noso, e o Estado, co apoio da Xunta de Galicia, ten que mover ficha para reverter a situación

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosa unha vez máis o seu apoio, aos traballadores de Alcoa, das empresas auxiliares e das súas familias “ante o novo e angustiosos escenario que se abre no día de hoxe”; pero coa esperanza de que os compromisos políticos adquiridos, se se chegaba a esta situación, se materialicen canto antes; “teñen que utilizar todas as ferramentas que teñen ao seu alcance, como prometeron, para que as cubas sigan funcionando e para que a Mariña non deixe de producir aluminio primario”.

O rexedor precisa que “non podemos tirar a toalla” e debemos seguir unidos pelexando polo noso presente e futuro; e o Estado, co apoio da Xunta de Galicia, ten que mover ficha para reverter como sexa a situación e intervir para salvar a Comarca, tal e como lle escoitamos en reiteradas ocasións, tendo en conta ademais que as instalacións inclúen un porto e unha estrada estatais. 

Villares apunta que debemos manter a fe e a confianza de que se tomarán as decisións políticas adecuadas para evitar que as cubas, o pulmón, da fábrica, deixen de traballar; “porque o escenario contrario é inimaxinable; un auténtico pesadelo para a bisbarra, que se vería golpeada de morte no económico e no social”.