A ALCALDESA RECIBE AO ALUMNADO PARTICIPANTE NO ERASMUS +

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo compartir un encontro co alumnado cervense do IES Monte Castelo que recentemente participou no intercambio Erasmus+ en Romanía, para coñecer de primeira man as vivencias e aprendizaxes adquiridas durante esta enriquecedora experiencia internacional.

A alcaldesa de Cervo recibe ao alumnado participante no Erasmus+ tras a súa experiencia europea

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo compartir un encontro co alumnado cervense do IES Monte Castelo que recentemente participou no intercambio Erasmus+ en Romanía, para coñecer de primeira man as vivencias e aprendizaxes adquiridas durante esta enriquecedora experiencia internacional.

Alexia, Yaiza, Sabela e Erín, e o coordinador do proxecto, Marcelino Luna, mantiveron un encontro distendido coa rexedora en San Ciprián, onde compartiron unha merenda e tiveron a oportunidade de relatar as súas experiencias durante a estancia en Oradea, así como as visitas realizadas a outras cidades europeas. Os mozos e mozas explicaron como esta iniciativa lles permitiu mellorar as súas competencias lingüísticas, coñecer novas culturas, reforzar a súa autonomía persoal e establecer lazos de amizade con estudantes doutros países.

 Durante a xuntanza, a alcaldesa interesouse polas actividades desenvolvidas ao longo do proxecto e destacou a importancia de programas como Erasmus+, que contribúen á formación integral da mocidade e fomentan valores como a cooperación, a convivencia, a inclusión e a cidadanía europea.

 “É unha satisfacción escoitar de primeira man todo o que aprendestes e vivistes nesta experiencia. Estes intercambios axúdannos a abrir a mente, a coñecer outras realidades e a medrar como persoas. Sodes un orgullo para Cervo e un exemplo para outros mozos e mozas que no futuro poidan participar neste tipo de iniciativas”, sinalou a alcaldesa.

 O Concello de Cervo reafirma o seu compromiso co apoio ás iniciativas educativas e de mobilidade internacional, convencido de que representan unha ferramenta fundamental para ampliar horizontes, adquirir novas competencias e preparar á mocidade para afrontar con éxito os retos dun mundo cada vez máis conectado.