O CONCELLO DE CERVO E ALCOA REFORZAN A SÚA COLABORACIÓN CONTINUA COA DEVOLUCIÓN DO CAMIÓN AUTOBOMBA CEDIDO TEMPORALMENTE Á COMPAÑÍA

colaboración Alcoa

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o técnico municipal de Emerxencias, Mario Antuña, desprazáronse este venres á planta de San Ciprián para manter unha reunión de traballo coa responsable da factoría, Raquel Vázquez, e poñer en valor a cooperación entre ambas as partes.

O Concello de Cervo e Alcoa continúan a afianzar a súa relación de colaboración, baseada no diálogo, na coordinación e na disposición a sumar esforzos para dar resposta ás necesidades que poidan xurdir na comunidade. Neste marco, este venres a compañía fixo entrega ao Concello do camión autobomba que lle fora cedido temporalmente para apoiar determinadas actuacións en materia de seguridade e ambiental.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo técnico municipal de Emerxencias, Mario Antuña, achegouse ata a planta de San Ciprián onde mantivo unha reunión de traballo coa responsable da factoría, Raquel Vázquez e tamén co Responsable Social Performance, da mesma, Miguel Carrillo.

O encontro permitiu abordar distintas cuestións de interese común, compartir impresións sobre a colaboración mantida ata o momento e reafirmar a vontade de ambas as partes de continuar traballando de maneira coordinada.

A devolución do vehículo enmárcase, polo tanto, nunha relación de cooperación que vai máis alá dunha actuación puntual. O Concello e a compañía manteñen unha interlocución aberta que facilita a coordinación de recursos e a procura de solucións conxuntas cando as necesidades así o requiren. 

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a importancia de manter esta liña de traballo conxunto: “A colaboración entre o Concello e Alcoa é importante e debe seguir baseándose no diálogo, na confianza e na vontade de sumar. Cando se presenta unha necesidade na que podemos axudar achegando medios municipais, entendemos que é positivo manter esa disposición e traballar de maneira coordinada”.

García Caramés incidiu tamén en que “o importante é manter abertas as vías de comunicación e ter capacidade para responder, desde a responsabilidade de cada parte, ás cuestións que poidan xurdir. Esta reunión é unha mostra desa colaboración continua e da nosa vontade de seguir mantendo unha relación fluída e construtiva”.

Pola súa banda, a responsable da factoría, Raquel Vázquez, puxo en valor a cooperación mantida co Concello e agradeceu a disposición municipal para facilitar este recurso durante o tempo no que foi necesario. Así mesmo, reiterou a vontade de Alcoa de poñer á disposición da comunidade os seus medios de emerxencia cando se produzan situacións extraordinarias que así o requiran, destacando a importancia da colaboración e da coordinación entre ambas as partes para dar resposta a este tipo de necesidades. 

Desde o Concello de Cervo valórase positivamente esta relación de cooperación e reafírmase o compromiso de continuar traballando desde o diálogo e a coordinación con Alcoa, mantendo unha actitude de colaboración que permita aproveitar os recursos dispoñibles e avanzar na procura de solucións compartidas en beneficio sempre da cidadanía.