O CONCELLO DE CERVO INAUGURA A EXPOSICIÓN “ARTE NEOFUTURISTA”, DE XOLO, CUNHA EXPLOSIÓN DE COR, CREATIVIDADE E ALEGRÍA

expo Xolo

A alcaldesa agradeceu a Xolo que quixese compartir con todos nós o seu talento e a súa obra, destacando a ilusión que supón acoller unha exposición que enche de cor a Casa da Cultura. 

A Casa da Cultura acolleu este mediodía a inauguración da exposición de pintura Arte neofuturista, do artista Xosé López Losada, coñecido como Xolo, nun acto cargado de emoción no que a cor e a creatividade se converteron nas grandes protagonistas.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, estiveron presentes nesta inauguración, acompañando o artista, respaldado por varios dos seus compañeiros e compañeiras da asociación Saúde Mental A Mariña.

Un dos momentos máis especiais da xornada chegou cando o artista agasallou a alcaldesa con dúas das súas obras, nun xesto cheo de afecto que engadiu aínda máis emoción a esta inauguración.

A alcaldesa agradeceu a Xolo que quixese compartir con todos nós o seu talento e a súa obra, destacando a ilusión que supón acoller unha exposición que enche de cor a Casa da Cultura. 

“É un orgullo poder gozar da túa arte e da túa maneira tan especial de transmitir emocións a través da pintura. Grazas por compartir con nós o teu talento e por regalarnos unha mostra chea de vida, alegría e sensibilidade”, sinalou Dolores García Caramés. convidando ás persoas visitantes a mergullarse no universo creativo de Xolo e a descubrir a súa maneira particular de entender e transmitir emocións a través da pintura.

A rexedora destacou o valor desta exposición “é unha alegría ver como a arte se converte nun espazo para compartir emocións, expresar sentimentos e encher de cor e ilusión a nosa Casa da Cultura. Desde o Concello queremos seguir apoiando iniciativas coma esta, que nos permiten gozar da creatividade e, ao mesmo tempo, dar visibilidade ao importante labor que desenvolve Saúde Mental A Mariña”, sinalou Dolores García Caramés.

Desde o Concello de Cervo animamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a achegarse á Casa da Cultura para descubrir Arte neofuturista, gozar da forza das súas cores e deixar voar a imaxinación a través da obra de Xolo.