PRESENTACIÓN DO HERBARIO DIXITAL ELABORADO POR UXÍA TREITAS E ELISA RODRÍGUEZ

Xa está dispoñible para a súa consulta na web:

https://cervariodixital.wixsite.com/herbario-dixital

 

É un meticuloso traballo realizado polas nosas veciñas, Uxía Treitas e Elisa Rodríguez, que participan no programa de bolsas de formación remuneradas do Concello de Cervo e que xenerosamente elaboraron, para desfrute de todos/as os/as cervenses, permitíndonos descubrir a riqueza e a diversidade vexetal do noso municipio.



Uxía é graduada en Belas Artes e Elisa en Bioloxía. Tal e como comprobaredes en canto lle botedes unha ollada ao seu traballo, forman un equipo de 10; xa que as súas capacidades e paixóns se complementan ás mil marabillas.



Son apaixonadas da natureza, da fotografía e do traballo ao aire libre...Neste herbario, describen e identifican preto de 200 especies diferentes, froito dun intenso labor de campo que realizaron nos últimos meses durante a súa bolsa de formación e que irán completando para desfrute de todos/as. Identificaron as especies presentes na ribeira dos ríos Xunco e Cobo, á beira do Cantábrico, nos prados, nas beiras dos camiños…; así como as diferentes árbores que compoñen a paisaxe natural do noso Concello.



Temos que darlles os  parabéns e as grazas por compartir con nós os seus coñecementos e  fascinación pola natureza e pola diversidade vexetal do Concello de Cervo.

 

Uxía e Elisa representan a esencia do programa de bolsas de formación remuneradas que ten en marcha o Concello de Cervo desde o ano 2013, unha importante aposta financiada integramente con fondos propios, que ten como obxectivo prioritario ofrecer á xuventude ese primeiro contacto co mundo laboral, reforzando a súa aprendizaxe para enfrontarse a un mercado laboral cada vez máis esixente e competitivo.