No ano 2001 aparece recoñecido por primeira vez o escudo do noso Concello, obedecendo con anterioridade todos os escudos á orde dun logotipo.
O escudo está composto polo sinople (verde), un cervo de ouro (amarelo), vilenado de gules (vermello); xefe de azur (azul) cunha estrela de ouro flanqueada por dúas áncoras de prata. O timbre, coroa real pechada.
Todos e cada un destes elementos teñen un significado: o verde representa a nosa natureza; o azul, coas súas dúas áncoras de prata, manifesta a relevancia que ten o mar no municipio; Sargadelos vese representado pola estrela da fachada, unha estrela con historia, xa que aparece no altar maior da Igrexa de Cervo ao igual que un cervo dourado de fermosa cornamenta, a forma gráfica de representar o nome do municipio, e que tamén se atopa no Pazo de Sargadelos.