A PRAIA DO TORNO ACOLLE UNHA CAMPAÑA DE PREVENCIÓN DE AFOGAMENTOS
Técnicos especializados en socorrismo da Fundación MAPFRE e Bandeira Azul, en colaboración co Concello de Cervo, imparten talleres gratuítos aos bañistas

A praia do Torno, en San Ciprián, acolle hoxe e mañá, entre as 12:00 e as 20:00 horas, unha campaña de prevención de afogamentos dirixida tanto aos nenos e nenas como ás persoas adultas.
Técnicos especializados en socorrismo de Fundación MAPFRE e Bandeira Azul, en colaboración co Concello de Cervo, imparten os talleres gratuítos de prevención e primeiros auxilios e ofrecen recomendacións aos bañistas como mollarse antes de entrar na auga, respectar as indicacións dos socorristas, evitar a exposición prolongada ao sol ou as comidas copiosas antes do baño.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a adil de Sanidade, Mali Méndez e o de Serguridade Cidadá, José Ramón Soto estiveron supervisando a actividade que está a ter gran éxito esta mañá, co respresentante da Fundación MAPFRE, Antonio García, e co responsable do G..E.S Cervo, Mario Antuña.
Tal e como explicou Villares “o obxectivo é trasladar á veciñanza e as persoas visitantes as principais medidas de prevención para evitar accidentes na contorna acuática, así como ensinarlles as pautas necesarias para saber actuar ante unha situación de emerxencia, por medio dunha RCP ou un desfibrilador, dispositivo co que conta esta Praia do Torno”.
Os técnicos especializados fixeron fincapé na importancia de que os adultos tomen conciencia do primordial que é vixiar adecuadamente aos menores de 14 anos, franxa de idade na que se produce o 4% das vítimas mortais totais.
Tal e como apuntou o rexedor, no Concello de Cervo apostamos fortemente por este tipo de campañas que axudan a previr accidentes, e ademais vimos de reforzar, neste senso os medios de socorrismo nas nosas praias coa recente adquisición dunha táboa de salvamento coa a que reducimos a contaminación da contorna mariña, diminuíndo o uso das lanchas, e incrementamos a dispoñibilidade inmediata do material para o rescate.