O CONCELLO DE CERVO VOLVE RECLAMAR Á DEPUTACIÓN UNHA XESTIÓN UNIFICADA DO MUSEO DO MAR E QUE ASUMA A SÚA AMPLIACIÓN

museo do mar deputación

O Concello cedería á institución provincial a edificación contigua que foi adquirida para ampliar o museo e facilitar así o desenvolvemento do proxecto

 

O Concello cedería á institución provincial a edificación contigua que foi adquirida para ampliar o museo e facilitar así o desenvolvemento do proxecto

O equipo de goberno de Cervo levou ao pleno municipal unha proposta para solicitar á Deputación Provincial de Lugo que asuma a ampliación do Museo do Mar e a súa xestión, co obxectivo de garantir un modelo de funcionamento unificado, coherente e eficiente para todo o complexo museístico. 

A iniciativa foi ratificada por unanimidade de toda a Corporación municipal, amosando o consenso existente sobre a necesidade de avanzar nesta liña.

Imagen eliminada.O Museo do Mar é un espazo fundamental para a conservación e difusión do patrimonio cultural, histórico e identitario de Cervo, estreitamente vinculado ao mar e á tradición mariñeira de San Ciprián. Por iso, o Concello considera prioritario garantir o seu futuro cun proxecto global que permita integrar adecuadamente as instalacións actuais e a futura ampliación.

Nos últimos anos, o Concello de Cervo vén traballando para facer posible este proxecto, impulsando diferentes actuacións, entre elas a adquisición de terreos anexos ao equipamento actual. Neste sentido, a disposición municipal é clara: o Concello está disposto a ceder á Deputación a edificación contigua situada nestes terreos para facer posible o proxecto, co fin de que a institución provincial poida asumir a súa execución e garantir unha xestión integrada do conxunto.

Ademais, o Concello vai acometer con fondos propios a humanización da contorna do Museo do Mar, unha actuación destinada a mellorar este espazo e a súa integración no ámbito urbano de San Ciprián.

A proposta aprobada polo pleno reclama que a Deputación avance na definición do modelo de xestión e asuma tamén a futura ampliación, establecendo co Concello a fórmula xurídica e administrativa máis axeitada para facer efectiva esta colaboración entre ambas as administracións.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, pide á institución provincial que dea cumprimento ao acordo plenario e abra unha vía de diálogo efectiva para concretar os seguintes pasos. 

“A Corporación municipal ao completo comparte a necesidade de que o Museo do Mar teña unha xestión unificada e un proxecto de futuro. Desde o Concello estamos poñendo os medios ao noso alcance, adquirindo os terreos necesarios e mellorando a contorna, e estamos dispostos a ceder á Deputación a vivenda contigua ao actual museo para que poida asumir a ampliación e garantir un funcionamento coordinado de todo o complexo”, sinala.

A rexedora subliña que o obxectivo é evitar duplicidades e aproveitar os recursos públicos da maneira máis eficiente posible. “O que queremos é que a ampliación se faga realidade e que o museo funcione como un único equipamento, cunha planificación coherente e cunha xestión que estea á altura da importancia do noso patrimonio marítimo. Agora cómpre que a Deputación se sente co Concello e concretemos como avanzar”, engade.

Desde o Concello de Cervo agardan que o respaldo unánime da Corporación municipal sirva para avanzar con determinación nesta demanda e que a Deputación Provincial de Lugo dea os pasos necesarios para acordar unha solución que permita desenvolver a ampliación e garantir o futuro do Museo do Mar de San Ciprián como referente cultural e patrimonial do municipio.