O CONCELLO DE CERVO SERÁ O ESCENARIO DA XVIII MONOGRÁFICA REXIONAL DE GALICIA DE BOXER

A cita, que a día de hoxe conta xa con máis dunha trintena de exemplares inscritos, será o domingo 15 de xuño, a partir das 10:00 horas, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos

 

O Concello de Cervo converterase nun punto de encontro dos amantes dos cans de raza boxer  coa celebración, o vindeiro domingo 15 de xuño, da XVIII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer.

A cita foi presentada  pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, e polo delegado de Boxer Club España en Galicia, Iván García, acompañado por un dos seus cans de raza Boxer, Jalea Ibiltaria  no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, que será o escenario do evento que a día de hoxe xa conta con máis de trinta exemplares inscritos.

A exposición morfolóxica concentrarase na xornada do domingo, a partir das 10:00 horas e reunirá a criadores, afeccionados e exemplares destacados de toda a rexión e do resto do estado, converténdose nun escaparate do mellor da cría desta emblemática raza. 

A xuíza Ana Paola Díaz Esteban será a encargada de xulgar a todos os participantes nas diferentes categorías, con premios para o mellor boxer nacido en Galicia, o mellor veterano, a mellor promesa, o mellor xove ou o mellor de raza, entre outras moitas categorías.

Antes da fase final do evento, haberá unha interesante parada de campións. Esta exhibición especial permitiralle ao público asistente gozar da presenza de exemplares de altísimo nivel que xa ostentan títulos oficiais e, polo tanto, non teñen necesidade de competir.

Estes cans campións non participan no concurso, pero estarán presentes para ser admirados, ofrecendo unha oportunidade única de ver de preto representantes da raza que destacan polas súas cualidades morfolóxicas, carácter e historial de competición.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a achegarse durante esa xornada a Sargadelos para desfrutar dun día diferente a través deste encontro que reunirá aos mellores exemplares desta raza, e que combina “divulgación, deporte canino e lecer ao aire libre”, tal e como apuntou a alcaldesa.

A inscrición aínda está aberta e toda a información está dispoñible nas redes sociais da Delegación Galega Boxer Club España.