O CONCELLO DE CERVO SEGUE MOI DE PRETO A EVOLUCIÓN DO TINGUIDO DAS AUGAS DETECTADO NA LIMOSA E NO XUNCO

O Concello de Cervo segue moi de preto a evolución do tinguido das augas da Praia da Limosa, en San Ciprián, e do leito do Río Xunco, en Cervo; provocado a raíz dos episodios de chuvia intensa que se viviron nestes días pasados; que derivaron na acumulación de material inerte en ámbolos dous escenarios.
No caso do areal, tras ser coñecedores da situación, a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, púxose en contacto cos responsables da empresa que sosteñen que a cor vermella das augas é froito do arrastre do material importado de Guinea, a consecuencia das elevadas precipitacións rexistradas.
Pola súa banda, o tinguido branco do Río Xunco é provocado polo arrastre de material inerte procedente das balsas de decantación das minas de caolín, inoperativas desde fai máis de 5 anos.