O CONCELLO DE CERVO RESTAURA A ESCULTURA OS SETE MARES DE QUIQUE GUERRA UBICADA NO PEIRAO DE SAN CIPRIÁN

O acto, ao que asistiron a súa viúva, unha das súas fillas, e varios familiares e amigos; foi tamén unha homenaxe ao artista finado vai xustamente un ano

  • A obra xa tivo que ser reparada en varias ocasións a causa de illados actos de vandalismo polo que o rexedor, Alfonso Villares, tamén quixo facer un chamamento “ao civismo e ao respecto pola arte e a cultura no seu conxunto”

O Concello de Cervo vén de restaurar a escultura Os Sete Mares, obra de Quique Guerra, que leva máis de vinte anos instalada na entrada da Atalaia, no peirao de San Ciprián.

Ao acto asistiron o rexedor Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, o de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, ademais da viúva do artista, María Victoria García, unha das súas fillas, e varios familiares e amigos.

O evento foi unha homenaxe ao autor, finado vai xustamente un ano do que Villares quixo destacar a súa “sensibilidade á hora de expresar ideas ou sentimentos a través da pintura ou a escultura; e a súa paixón polo medio natural que deixa intuír nesta obra que é unha mostra do seu legado, coa que temos o privilexio de contar no noso Concello e  coa que quixo representar a través da pedra o abrupto do mar; e a través das cerámicas as ondas nas diferentes tonalidades”.

O rexedor tamén quixo facer un chamamento ao civismo e ao respecto pola arte e a cultura no seu conxunto “porque xa non é a primeira vez que temos que reparar esta escultura  froito dalgún acto, illado iso si, de vandalismo”.

Villares apuntou que non Concello de Cervo contamos con máis de quince pezas de arte instaladas en diferentes puntos do municipio, e dende o Concello cremos que é fundamental darlle o valor que merece calquera expresión artística e tamén ao traballo que desenvolven os seus autores e que embelece a nosa contorna.