O CONCELLO DE CERVO RENOVA A CESIÓN DO LOCAL DO CENTRO DE EMPRENDEMENTO A MARMELADAS A MORENA, QUE MANTÉN A SÚA ACTIVIDADE ARTESANAL
O espazo, situado no local número 5 do Centro de Emprendemento de Sargadelos, funciona actualmente como obrador e a empresa contempla recuperar tamén a actividade da tenda.
O Concello de Cervo renovou a cesión en réxime de arrendamento simbólico do local número 5 do Centro de Emprendemento de Sargadelos a Marmeladas A Morena, unha iniciativa empresarial que abriu as súas portas en 2019 e que continúa desenvolvendo a súa actividade arredor da elaboración artesanal de marmeladas.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e Cristina Rodríguez, responsable de Marmeladas A Morena, formalizaron a renovación do contrato de cesión que permitirá dar continuidade á actividade da empresa nestas instalacións municipais.
Na actualidade, o local está destinado ao obrador, onde se elaboran marmeladas artesanais a partir de ingredientes ecolóxicos ou de proximidade, aproveitando a froita de tempada e apostando pola calidade, a sustentabilidade e o respecto polos sabores naturais.
Ademais da elaboración dos produtos, Marmeladas A Morena ofrece visitas concertadas ao obradoiro con degustación das diferentes variedades, así como experiencias gastronómicas nas que as marmeladas se combinan con outros alimentos para descubrir novos sabores.
A empresa contempla tamén a posibilidade de volver abrir a tenda, recuperando así este espazo de venda directa ao público e achegando de novo os seus produtos á veciñanza e ás persoas que visitan a contorna de Sargadelos.
Desde o Concello de Cervo ponse en valor a continuidade de iniciativas empresariais como esta, que contribúen a dinamizar o Centro de Emprendemento, apoiar a actividade económica local e dar visibilidade a proxectos que apostan pola produción artesanal e polo aproveitamento dos recursos de proximidade.