O CONCELLO DE CERVO RECIBE O DIPLOMA DE OURO DO PROGRAMA PRAIAS SEN FUME POLO SEU COMPROMISO COA SAÚDE E A SOSTIBILIDADE

Praia sen fume

O acto de entrega celebrouse na praia do Club Fluvial de Begonte e contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que foi o encargado de entregar o recoñecemento á alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés. 

 

O Concello de Cervo foi distinguido esta mañá co Diploma de Ouro do programa Praias sen Fume, unha iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade que recoñece o compromiso dos concellos galegos coa promoción de hábitos de vida saudables e coa protección dos espazos naturais. 

O acto de entrega celebrouse na praia do Club Fluvial de Begonte e contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que foi o encargado de entregar o recoñecemento á alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés. 

Cervo forma parte da rede galega de Praias sen Fume cos areais do Torno, A Caosa, Cubelas e Rueta, consolidando así a súa aposta por converter os espazos costeiros do municipio en lugares máis saudables, limpos e respectuosos co medio ambiente. 

Imagen eliminada.A alcaldesa, Dolores García Caramés, puxo en valor a importancia de manter e reforzar este compromiso municipal: “Para Cervo é unha satisfacción recibir un ano máis este Diploma de Ouro porque detrás deste recoñecemento hai unha aposta clara por educar, concienciar e promover hábitos saudables, especialmente entre os máis novos”.

Neste sentido, a rexedora destacou que “as praias son espazos de convivencia, de ocio e de contacto coa natureza, e queremos que quen as desfrute poida facelo nunha contorna limpa e libre de fume”.

García Caramés incidiu tamén na importancia de avanzar na concienciación cidadá: “Non se trata só de dicir que non se pode fumar, senón de conseguir que, pouco a pouco, entendamos que non fumar nas praias é unha cuestión de respecto cara ás demais persoas e tamén cara ao noso patrimonio natural”.

A alcaldesa subliñou, ademais, o impacto ambiental que teñen os residuos derivados do tabaco, especialmente as cabichas, e lembrou que "un xesto tan pequeno como recoller e non deixar residuos na praia pode marcar unha gran diferenza na conservación da nosa costa”. 

O programa Praias sen Fume, posto en marcha en 2016, ten como finalidade promover estilos de vida saudables, previr o consumo de tabaco e reducir a presenza de fume e residuos asociados ao tabaco nos areais galegos. A adhesión á iniciativa é voluntaria e baséase fundamentalmente na sensibilización e na implicación da cidadanía. 

Con esta distinción, o Concello de Cervo continúa avanzando na súa política de promoción da saúde e de protección ambiental, sumándose ao conxunto de municipios galegos que traballan para facer dos seus areais espazos máis saudables, sostibles e respectuosos.