O CONCELLO DE CERVO PRESENTA O II TORNEO DE XADREZ QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO NA SALA XOSÉ VIZOSO EN SARGADELOS

torneo xadrez

O torneo está dirixido ás categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18, ofrecendo ás nenas e nenos participantes a oportunidade de gozar dunha xornada deportiva arredor do xadrez e de compartir experiencia con outros afeccionados a esta disciplina.

O Concello de Cervo presentou o II Torneo de Xadrez Concello de Cervo, que se celebrará este sábado, 19 de setembro, a partir das 10:00 horas, na sala cultural Xosé Vizoso, no edificio da Carboeiras en Sargadelos.

A presentación da cita correu a cargo da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, que estivo acompañada polo presidente do Club Xadrez San Roque e mestre desta disciplina,  Aitor López, que se encarga de dirixir a actividade.

O torneo está dirixido ás categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18, ofrecendo ás nenas e nenos participantes a oportunidade de gozar dunha xornada deportiva arredor do xadrez e de compartir experiencia con outros afeccionados a esta disciplina.

A actividade conta coa colaboración do Club Xadrez San Roque de Viveiro e está organizada polo Concello de Cervo.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a aposta do Concello por seguir achegando actividades deportivas e de ocio ás crianzas e á mocidade: “O xadrez é unha disciplina que, ademais de ser divertida, fomenta a concentración, a capacidade de análise, a paciencia e a toma de decisións. Por iso queremos seguir promovendo este tipo de iniciativas e facilitando que as nosas crianzas teñan a oportunidade de coñecelo e practicalo”.

Neste sentido, a rexedora lembrou tamén a gran acollida que tivo o xadrez durante o verán, xa que foi unha das actividades incluídas no programa municipal Enredando no verán, no que participou un bo número de nenos e nenas do municipio.

“A experiencia de Enredando no verán demostrounos que existe interese por esta actividade entre as nosas crianzas, polo que consideramos moi interesante continuar ofrecendo propostas vinculadas ao xadrez e crear espazos nos que poidan aprender, practicar e, sobre todo, pasalo ben”, engadiu.

As persoas interesadas en participar no torneo poden obter máis información e formalizar a inscrición a través do teléfono 672 77 25 08.