O CONCELLO DE CERVO PON A PUNTO OS AREAIS DE CARA Á CHEGADA DO BO TEMPO

O Concello de Cervo realizou estes días traballos de limpeza e acondicionamento dos areais do municipio, tal e como vén sendo habitual por estas datas, coincidindo co período de vacacións das crianzas a fin de proporcionarlles 'ás familias e a toda a nosa veciñanza espazos seguros, ao aire libre, para poder desfrutar destes días festivos nestes tempos de pandemia'.

Tal e como constataron o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, retiráronse madeiras, maleza, e outros materiais que foron deixando os temporais dos últimos meses, pero tamén, restos xerados polo ser humano 'como feces de mascotas, plásticos, envases...'; polo que tamén quixeron facer un chamamento ao civismo 'para poder desfrutar todos destes espazos únicos que temos o privilexio de ter no noso municipio'.
Esta pasada fin de semana xa vimos como as nosas praias foron, precisamente, un dos escenarios escollidos para gozar do bo tempo, e agardamos que así siga sendo 'sempre mantendo unha actitude responsable, para protexer e protexernos'.