O CONCELLO DE CERVO PON EN MARCHA O PROGRAMA VOLUNTARIADO MIÚDO VI
A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou a iniciativa ao alumnado do IES Marqués de Sargadelos
O programa está dirixido á mocidade de entre 12 e 15 anos e desenvolverase durante o verán
O Concello de Cervo vén de convocar unha nova edición do programa Voluntariado Miúdo VI, unha iniciativa dirixida á mocidade de entre 12 e 15 anos coa que se pretende fomentar a participación activa dos máis novos na vida social, cultural e comunitaria do municipio.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ao IES Marqués de Sargadelos para explicarlle ao alumnado en primeira persoa os detalles desta proposta, animándoos a formar parte dunha experiencia que promove valores como a solidariedade, a responsabilidade e o compromiso coa contorna.
As persoas participantes poderán colaborar ao longo do verán en diferentes actividades organizadas polo Concello, entre as que destacan o apoio ao programa Cervo Concilia, a participación nas Noites Alternativas de Verán e a colaboración noutras actividades de carácter social, cultural e lúdico que se desenvolvan no municipio.
Precisamente, a rexedora destacou que este programa supón unha oportunidade para que moitos dos rapaces e rapazas que durante anos participaron como usuarios e usuarias no Cervo Concilia poidan seguir formando parte desta iniciativa agora desde outro papel. Deste xeito, os mozos e mozas teñen a oportunidade de colaborar co programa no que medraron, adquirindo novas responsabilidades e converténdose nun apoio para os máis pequenos, ao tempo que reforzan valores como a cooperación, a solidariedade e o compromiso coa comunidade.
A través desta iniciativa, o Concello busca ofrecer á mocidade un espazo de aprendizaxe, convivencia e participación activa, ao tempo que contribúe ao desenvolvemento de experiencias enriquecedoras que favorezan o seu crecemento persoal e social.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura.