O CONCELLO DE CERVO PON EN MARCHA ESTE MÉRCORES UNHA NOVA EDICIÓN DE CERVO MADRUGA CON MÁIS DE 30 CRIANZAS INSCRITAS
Nesta nova convocatoria, o programa conta xa coa inscrición de máis de 30 crianzas entre o CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz, unha cifra que evidencia a boa acollida desta iniciativa por parte das familias do municipio.
O servizo municipal de atención temperá, gratuíto e desenvolvido en colaboración coas ANPAS, facilita a conciliación das familias desde primeira hora da mañá
O Concello de Cervo pon en marcha este mércores, coincidindo co inicio do novo curso escolar, unha nova edición do programa Cervo Madruga, un servizo municipal gratuíto que ten como obxectivo facilitar a conciliación das familias nas primeiras horas do día.
Nesta nova convocatoria, o programa conta xa coa inscrición de máis de 30 crianzas entre o CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz, unha cifra que evidencia a boa acollida desta iniciativa por parte das familias do municipio.
Con motivo da posta en marcha do servizo, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, mantivo un encontro coas representantes das ANPAS dos dous centros educativos e coas monitoras que se encargarán da atención das crianzas, co obxectivo de abordar a posta a punto do programa e ultimar todos os detalles necesarios para o seu correcto funcionamento desde o primeiro día de curso.
A rexedora destacou que “Cervo Madruga naceu para dar resposta a unha necesidade real das familias, facilitándolles a posibilidade de deixar as súas crianzas no centro educativo desde primeira hora, cando moitas nais e pais teñen que incorporarse aos seus postos de traballo”.
García Caramés puxo tamén en valor “a implicación e colaboración das ANPAS e das monitoras, que son fundamentais para que este servizo funcione de maneira eficaz e adaptada ás necesidades das familias e dos propios centros educativos”.
O programa ofrece atención temperá desde as 7:30 horas, con diferentes opcións horarias segundo o centro educativo. No caso do CEIP de Cervo, o servizo pode prolongarse ata as 9:35 horas, mentres que no CEIP Península da Paz as familias poden optar tamén polo horario de 8:30 a 9:30 horas.
As crianzas que accedan ao servizo desde as 7:30 horas dispoñen ademais de almorzo. Para facilitar a organización deste servizo, aquelas familias cuxas crianzas non acudan habitualmente ao Cervo Madruga con almorzo deberán comunicar previamente se van facer uso ou non deste servizo antes das 18:00 horas do día anterior. A comunicación deberá realizarse na Casa da Cultura.
A alcaldesa subliñou que esta iniciativa “completa e reforza as políticas de conciliación que vimos impulsando desde o Concello de Cervo”, lembrando que o programa se suma a outros recursos municipais destinados a facilitar a organización das familias ao longo do ano, entre eles Cervo Concilia, que durante o período de vacacións escolares ofrece actividades para as crianzas.
“Queremos que as familias de Cervo conten con recursos que lles permitan conciliar e, ao mesmo tempo, que as súas crianzas estean ben atendidas, nunha contorna segura e con profesionais durante esas primeiras horas da mañá”, concluíu García Caramés.