O CONCELLO DE CERVO MANTÉN O SEU APOIO Á SAÚDE MENTAL CUNHA NOVA ACHEGA DE 20.000 EUROS Á ASOCIACIÓN A MARIÑA

convenio saúde mental

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, asinou este novo acordo coa entidade, nun encontro no que participaron o presidente de Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado, e a directora xeral técnica, María José Nóvoa.

 

O Concello de Cervo continúa reforzando o seu compromiso co benestar das persoas e co apoio aos colectivos que desenvolven un labor esencial no ámbito social, coa formalización dun novo convenio de colaboración con Adaoemam A Mariña, ao que o Concello destina 20.000 euros.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, asinou este novo acordo coa entidade, nun encontro no que participaron o presidente de Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado, e a directora xeral técnica, María José Nóvoa.

A achega municipal permitirá á asociación continuar desenvolvendo os seus programas e servizos e manter a atención que presta ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias. Trátase dun apoio que o Concello de 

Cervo mantén ano tras ano, consciente da importancia de contar con recursos próximos e especializados que contribúan á autonomía, inclusión e calidade de vida das persoas usuarias.

A rexedora puxo en valor a relación de colaboración que se mantén coa entidade ao longo de todo o ano e destacou especialmente a súa presenza no municipio, onde conta con dúas unidades residenciais, ademais de participar en diferentes iniciativas municipais.

Neste sentido, lembrou a colaboración no programa Arruguiñas, dirixido ás persoas maiores de Cervo, no que Saúde Mental A Mariña desenvolve diferentes talleres terapéuticos orientados ao benestar emocional, favorecendo tamén a creación de espazos de encontro e participación.

“Para o Concello de Cervo é importante seguir ao lado de Saúde Mental A Mariña e apoiar o extraordinario traballo que realizan cada día. Sabemos que detrás desta entidade hai profesionais e familias que traballan para mellorar a vida de moitas persoas e para construír unha sociedade máis inclusiva e máis consciente da importancia da saúde mental”, sinalou.

A alcaldesa incidiu en que este convenio “vai máis alá dunha achega económica”, xa que representa o compromiso municipal cunha atención especializada e próxima e co traballo de sensibilización que desenvolve a asociación.

“A saúde mental debe ocupar o lugar que lle corresponde nas nosas prioridades. Temos que seguir falando dela con naturalidade, derrubando estigmas e facilitando que as persoas que precisan apoio poidan atopalo”, afirmou.

Desde o Concello destacan, así mesmo, a comunicación permanente coa entidade, que permite coñecer de primeira man as súas necesidades e buscar vías de colaboración para darlles resposta.

“Queremos seguir sumando, acompañando e colaborando para que Saúde Mental A Mariña poida continuar facendo ese labor tan necesario no noso municipio e na comarca”, concluíu a rexedora.