O CONCELLO DE CERVO INVISTE MÁIS DE 48.000 EUROS NA MELLORA DAS HABITACIÓNS DA PLANTA ALTA DO CENTRO DE DÍA RESIDENCIA

OBRAS CDR

A intervención céntrase na planta alta do edificio, concretamente na renovación de diferentes espazos habitacionais e zonas de circulación interior, co obxectivo de substituír elementos deteriorados polo uso continuado e adaptar os acabados ás necesidades propias dun equipamento residencial e asistencial destas características.

O Concello de Cervo iniciou unha nova actuación de acondicionamento e renovación interior no Centro de Día e Residencia cun investimento de preto de 50.000 euros -48.278,99 euros, concretamente- destinada a mellorar as condicións de uso, comodidade, hixiene e funcionalidade das instalacións.

A intervención céntrase na planta alta do edificio, concretamente na renovación de diferentes espazos habitacionais e zonas de circulación interior, co obxectivo de substituír elementos deteriorados polo uso continuado e adaptar os acabados ás necesidades propias dun equipamento residencial e asistencial destas características.

Entre os traballos previstos figura a substitución dos pavimentos actuais por un novo pavimento vinílico de tipo SPC, resistente ao desgaste e de fácil limpeza e mantemento. Tamén se renovarán marcos e tapetas das portas, instalaranse novas portas corredeiras interiores para favorecer a accesibilidade e a funcionalidade dos espazos e realizaranse reparacións puntuais nos paramentos, así como traballos de pintura interior.

As obras desenvolveranse de maneira sectorizada e coordinada coa actividade habitual do centro, co propósito de minimizar as molestias e compatibilizar a execución dos traballos co funcionamento ordinario do servizo asistencial.

Con este investimento, o Concello de Cervo continúa apostando pola conservación e mellora dos equipamentos municipais e, especialmente, por manter en boas condicións as instalacións destinadas á atención e ao benestar das persoas maiores do municipio.