O CONCELLO DE CERVO INVESTIRÁ CASE 300.000 EUROS NA MELLORA DA ACCESIBILIDADE E PAVIMENTACIÓN EN RÍO COBO
Trátase dunha actuación integral executada con fondos propios nas rúas 4 e 41 para modernizar os servizos e garantir unha mobilidade máis segura
O Concello de Cervo levará a cabo un importante proxecto de mellora da accesibilidade e pavimentación na urbanización de Río Cobo, cun investimento total de 278.924,99 euros financiados integramente con fondos propios municipais procedentes do remanente de tesourería.
A actuación desenvólvese ao longo da rúa 4, desde a súa intersección coa rúa 2 ata o encontro coas rúas 13 e 1, incluíndo tamén a intervención na rúa 41 e a resolución dos distintos cruces existentes no trazado. O proxecto contempla unha remodelación integral do espazo público, co obxectivo de mellorar a mobilidade peonil, reorganizar os espazos de aparcamento e actualizar os servizos básicos.
Entre os traballos previstos inclúense a ampliación das beirarrúas para garantir itinerarios accesibles, a pavimentación das zonas peonís con formigón, a execución de pasos elevados, e a renovación parcial das redes de abastecemento e saneamento, eliminando perdas e mellorando a súa eficiencia. Ademais, actuarase na rede de pluviais, no alumeado público e na sinalización horizontal, contribuíndo a unha contorna máis segura e ordenada.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a zona para supervisar o inicio das obras, acompañada do edil Adrián Arias, e do pedáneo de Río Cobo, Antonio Gallego, e subliñou a importancia desta intervención: “a mellora da accesibilidade en Río Cobo é unha prioridade porque é unha zona na que vive moita xente e que precisa dunha intervención acorde ás súas necesidades actuais. Este proxecto vai supoñer un salto de calidade na vida diaria dos veciños e veciñas”.
A rexedora destacou tamén que “con esta actuación buscamos non só facilitar os desprazamentos a pé e garantir un acceso seguro, senón tamén modernizar os servizos públicos e mellorar a calidade ambiental dunha das zonas residenciais máis habitadas do municipio”.
Desde o goberno local inciden en que esta obra permitirá recuperar un espazo público máis cómodo, accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza, reforzando así o compromiso do Concello coa mellora continua das infraestruturas municipais.