O CONCELLO DE CERVO INAUGURA A MOSTRA BALEAS A FLOTE COMO PUNTO DE PARTIDA DUNHA TORNAVIAXE POLO CANTÁBRICO
Un proxecto artístico obra de Francisco Martínez-Pin, de fondo calado ecolóxico que transforma materiais recuperados en memoria viva do mar e conciencia ambiental
Esta mostra é o punto de partida dunha tornaviaxe polo Cantábrico que será un percorrido simbólico polos antigos portos baleeiros que unirá Galicia co País Vasco francés, recuperando a memoria colectiva das vilas mariñeiras e poñendo en diálogo o pasado co presente a través da creación contemporánea.
A mostra reúne un destacado conxunto de pezas escultóricas elaboradas a partir de madeira e aceiro recuperados do medio natural, moitos deles procedentes do litoral galego nunha denuncia da pegada da actividade humana nos ecosistemas mariños, especialmente a contaminación por residuos plásticos.
Entre as pezas máis salientables atópanse Leviatán Mariñá, Cachalote Verniano ou Cargueiro de eucalipto de batea, exemplos dunha proposta artística que combina estética, emoción e mensaxe social, convidando á reflexión sobre a necesidade urxente de protexer o noso patrimonio natural.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, puxo en valor a relevancia desta iniciativa sinalando que “esta exposición sitúa a Cervo como punto de partida dun proxecto cultural de gran alcance, que combina arte, historia e unha mensaxe ambiental moi necesaria nos nosos días”.
Así mesmo, destacou que “o compromiso ecolóxico que transmite ‘Baleas a Flote’ encaixa plenamente coa aposta do noso Concello pola sensibilización e a protección do entorno natural, ao tempo que achega unha proposta cultural innovadora e de calidade á nosa veciñanza”.
A exposición poderá visitarse durante todo o mes, de luns a venres, na Casa da Cultura de San Ciprián, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes a oportunidade de achegarse con calma a unha proposta artística que invita á contemplación, á reflexión e á conexión co mar, e en consecuencia coa nosa historia.