O CONCELLO DE CERVO ESTREOU O NOVO PARQUE INFANTIL ISAAC DÍAZ PARDO E LUÍS SEOANE, UN ESPAZO MÁIS MODERNO, ACCESIBLE E INCLUSIVO

Inauguración parque Cervo

A actuación, que supuxo un investimento de 261.385,74 euros, financiado integramente con fondos propios municipais, permitiu transformar por completo unhas instalacións moi utilizadas polas familias, creando un parque máis moderno, seguro, accesible e adaptado ás necesidades actuais da infancia.

 

A actuación, financiada integramente con fondos propios municipais, supuxo un investimento de máis de 261.000 euros e dota á vila dun renovado espazo de lecer pensado para todas as idades.

O Concello de Cervo vén de abrir ao público o renovado parque infantil Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, situado na contorna da rotonda próxima á Casa do Concello, tras concluír os traballos de remodelación integral deste espazo de lecer infantil. 

A apertura tivo lugar esta tarde de xoves con música e diversas actividades pensadas para as crianzas como pintacaras ou globoflexia.

A actuación, que supuxo un investimento de 261.385,74 euros, financiado integramente con fondos propios municipais, permitiu transformar por completo unhas instalacións moi utilizadas polas familias, creando un parque máis moderno, seguro, accesible e adaptado ás necesidades actuais da infancia.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, que estivo acompañada polo concelleiro, Adrián Arias destacou que "hoxe poñemos á disposición das familias un parque completamente renovado, pensado para que os nenos e nenas poidan xogar con todas as garantías de seguridade e desfrutar dun espazo atractivo, inclusivo e adaptado ás diferentes idades".

A rexedora lembrou que esta actuación responde ao compromiso do Goberno local por continuar mellorando os espazos públicos destinados á infancia.

"Queremos que Cervo siga sendo un concello pensado para as familias. Este parque era un referente para moitos nenos e nenas e necesitaba unha renovación integral. O resultado é un espazo máis amplo, máis moderno e con novas propostas de xogo que estamos convencidos de que terá unha excelente acollida."

Entre as principais novidades destaca a incorporación dunha tirolina, un dos elementos máis agardados polos máis pequenos.

"Era unha das peticións que máis veces nos facían os propios nenos e nenas cando falabamos con eles neste parque. Escoitalos tamén é gobernar, e hoxe podemos ver esa ilusión convertida en realidade", apuntou García Caramés.

A remodelación incluíu a substitución de todos os xogos existentes por novos elementos homologados, a instalación dun pavimento continuo de caucho de seguridade, a renovación completa do peche perimetral e a ampliación da zona destinada aos usuarios de maior idade.

O novo parque conta cunha gran estrutura de aventura, unha área específica para as primeiras idades, novos columpios, xogos de muelle, elementos inclusivos que favorecen o xogo compartido e a nova tirolina, converténdose nun espazo pensado para que todos os nenos e nenas poidan desfrutar en igualdade de condicións.

A alcaldesa subliñou tamén o importante esforzo económico realizado polo Concello para facer realidade este proxecto.

"Estamos a falar dun investimento superior aos 261.000 euros financiado exclusivamente con recursos municipais. É unha mostra da nosa vontade de seguir reinvestindo os fondos do Concello en actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza e crean espazos públicos atractivos, seguros e pensados para o futuro."

Con esta intervención, o Concello de Cervo incorpora á súa rede de espazos públicos un parque infantil totalmente renovado que se converterá nun novo punto de encontro para as familias e nun referente do lecer infantil no municipio.