O CONCELLO DE CERVO E PORTOS DE GALICIA REFORZAN A SÚA COLABORACIÓN PARA IMPULSAR NOVAS ACTUACIÓNS NO PORTO DE SAN CIPRIÁN

reunión portos de Galicia

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, mantivo este martes unha reunión coa presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, na que abordaron as principais prioridades de actuación no porto de San Ciprián, nun encontro marcado pola vontade de ambas administracións de seguir traballando de forma coordinada para mellorar as infraestruturas portuarias do municipio.

Durante a reunión analizáronse diferentes liñas de colaboración para impulsar proxectos que permitan optimizar tanto as infraestruturas viarias da zona portuaria como os inmobles destinados a actividades vinculadas ao porto, co obxectivo de ofrecer mellores servizos e garantir o correcto funcionamento destas instalacións.

Ademais, coincidiron na importancia de continuar coa conservación e o mantemento das infraestruturas existentes, ao tempo que se planifican futuras actuacións que contribúan ao desenvolvemento e á modernización do porto de San Ciprián.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, agradeceu a disposición mostrada pola presidenta de Portos de Galicia e destacou "a importancia de manter unha colaboración fluída entre administracións para dar resposta ás necesidades dun porto estratéxico para o noso municipio e para toda a comarca".

"Seguiremos traballando da man de Portos de Galicia para avanzar en proxectos que redunden na mellora das instalacións, na seguridade e na prestación de servizos, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e social de Cervo", sinalou a rexedora.

Ambas administracións amosaron o seu compromiso de continuar mantendo este diálogo permanente para facer realidade novas actuacións que permitan seguir mellorando un espazo clave para a actividade pesqueira, económica e social do municipio.