O CONCELLO DE CERVO COLABORA NO PLAN DE ACCIÓN DA ASOCIACIÓN DE MONTES A BIDUEIRA PARA CONTROLAR A ACACIA NEGRA E FAVORECER A RECUPERACIÓN DA FLORA AUTÓCTONA

plan acción bidueiras

A actuación desenvolveuse en dúas fincas municipais situadas na subida á Senra, coa participación da alcaldesa, Dolores García Caramés, e da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, xunto con voluntarios de Alcoa e membros da Asociación de Montes A Bidueira. 

Os traballos combinaron o control da acacia negra, unha especie invasora que ameaza a biodiversidade, coa repoboación das parcelas con especies autóctonas, como acivros, freixos e carballos.

 Para frear a expansión da acacia negra, realizouse o desconchado da casca dos exemplares, un método de control que consiste en retirar unha franxa da casca do tronco para interromper o transporte de nutrientes e provocar a morte progresiva da árbore.

O obxectivo desta intervención é acoutar a entrada e frear a expansión da acacia negra nas dúas parcelas municipais, favorecendo a recuperación progresiva da vexetación propia do noso territorio.

A iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Alcoa, impulsado pola Asociación de Montes A Bidueira, e pon de manifesto a importancia da colaboración entre o Concello, as entidades e o voluntariado na conservación e mellora do patrimonio natural.

O Concello de Cervo agradece a implicación de todas as persoas participantes nesta actuación, que contribúe a protexer a biodiversidade e a promover unha contorna máis sostible.