O CONCELLO DE CERVO COLABORA NA INTERVENCIÓN ARQUEOLÓXICA NO CASTRO DE RUETA PARA AVANZAR NO COÑECEMENTO DO XACEMENTO

castro rueta

A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou hoxe os traballos, que xa permitiron localizar dúas estruturas nas catas arqueolóxicas

Este xoves, ás 17:30 horas, realizarase unha visita guiada aberta ao público para coñecer de primeira man os traballos e os primeiros achados da intervención

O Concello de Cervo apoia a intervención arqueolóxica que se está a desenvolver estes días no castro de Rueta, unha actuación impulsada pola asociación Mariña Patrimonio e executada pola empresa Tempos Arqueólogos, coa colaboración económica tamén da Área de Cultura e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que ten como obxectivo avanzar no coñecemento e estudo deste importante xacemento arqueolóxico do municipio.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou hoxe os traballos e interesouse polo avance dunha actuación que permitirá comprobar sobre o terreo os resultados da investigación non invasiva realizada a finais do ano 2022 polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Instituto de Arqueoloxía de Mérida (IAM).

Aquel estudo, realizado mediante técnicas de prospección xeofísica como o xeorradar e o magnetómetro, permitiu identificar diferentes anomalías que poderían corresponderse con estruturas arqueolóxicas. Entre os resultados apuntábase á posible existencia de doce cabanas e dúas zonas nas que se terían producido combustións de importancia, así como á hipótese da presenza dalgún tipo de estrutura vinculada a un forno ou sauna castrexa.

Os traballos que se están a realizar agora teñen como finalidade comprobar estas hipóteses mediante catas arqueolóxicas e obter novos datos sobre as estruturas e a cronoloxía do xacemento. Segundo avanzan as intervencións, os primeiros resultados están a ser satisfactorios, xa que nas catas realizadas xa apareceron dous muros, un achado que confirma a presenza de estruturas no subsolo e permite continuar avanzando na investigación.

A intervención está dirixida polo arqueólogo Francisco Alonso Toucido e prolongarase ao longo desta semana. O equipo está a traballar nunha zona previamente identificada pola prospección xeofísica, onde se localizaran diferentes anomalías susceptibles de corresponderse con estruturas do castro.

Pola súa banda, o Concello de Cervo está a prestar a súa colaboración para facer posible a intervención, especialmente a través dos traballos previos de roza e limpeza da vexetación da contorna do castro, necesarios para acondicionar o espazo e facilitar o desenvolvemento das tarefas arqueolóxicas.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de seguir avanzando na investigación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico do municipio e puxo especialmente en valor o labor desenvolvido por Mariña Patrimonio.

“É unha satisfacción poder colaborar con Mariña Patrimonio e co equipo arqueolóxico nunha actuación que nos permite seguir descubrindo e coñecendo mellor a nosa historia e o noso patrimonio”, sinalou.

García Caramés subliñou que “desde o Concello facilitamos tamén os traballos de roza e limpeza necesarios para preparar a zona e que o equipo puidese desenvolver as catas”, e engadiu que “os primeiros resultados son moi interesantes, coa aparición xa de dous muros, polo que agardamos que, a medida que avance a intervención, poidamos seguir obtendo información sobre as estruturas que agocha o castro de Rueta”.

A rexedora municipal agradeceu tamén “o traballo e o compromiso de Mariña Patrimonio coa investigación e divulgación do noso patrimonio”, así como o labor do equipo de Tempos Arqueólogos, destacando que “cada novo achado contribúe a poñer en valor un patrimonio que é de todos e todas e que temos a responsabilidade de conservar e dar a coñecer”.