O CONCELLO DE CERVO CELEBRARÁ A XXXIII FESTA DO OURIZO O SÁBADO 7 DE MARZO
Poderán degustarse as mellores receitas de ourizo nos locais participantes: O Noso Lar, As Titas, O Faro, bar El Puerto, Bodega de Ana, Maruxaina, Cervecería A Penúltima e Bar Habana
Haberá tamén showcooking a partir das 12.00 horas na carpa da Praza dos Campos con degustación de ourizo cocido na carpa da man da asociación Mistura
A xornada estará amenizada por Fol do Raxal, e as charangas Fuego Street Band e Os Atrevidos
Xa pola noite a verbena correrá a cargo da orquestra Cordosom
Este mesmo venres 27, celebrarase o concurso gastronómico como antesala da Festa
A XXXIII edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 7 de marzo, en San Ciprián. Para ese día están programadas diferentes actividades nas que o equinoderno será o eixo central, como homenaxe á tradición gastronómica local e á estreita relación da vila co mar.
A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o concelleiro Adrián Arias, a edil Mali Méndez, e por representantes da hostalería local e da asociación Mistura, que participan neste evento declarado de Interese Turístico Galego.
O programa arrincará ás doce do mediodía cun Showcooking que poderá ser seguido en directo polo público asistente que a continuación poderá degustar as tapas elaboradas polos chefs participantes.
Ademais a asociación Mistura tamén ofrecerá desde o mediodía unha degustación de ourizo cocido na mesma carpa instalada na Praza dos Campos.
O día da festa os locais participantes –O Noso Lar, As Titas, Bodega de Ana, O Faro, bar El Puerto, Cervecería A Penúltima, Maruxaina e Bar Habana- ofrecerán diferentes variedades aos visitantes durante toda a xornada.
O día estará amenizado a mediodía por Fol de Raxal, e xa pola tarde haberá pasarrúas da man das Charangas Fuego Street Band e Os Atrevidos.
Xa pola noite, desde as 23:00 horas amenizará a velada a orquestra Cordosom na Praza dos Campos.
A rexedora destacou que “a Festa do Ourizo é moito máis ca un evento gastronómico; é unha celebración da nosa identidade, da nosa tradición mariñeira e do profundo vínculo que o municipio ten co mar”.
Esta cita permítenos –engadiu- “compartir con veciños e visitantes a esencia do noso territorio nunha xornada pensada para desfrutar, convivir e saborear un dos grandes manxares do noso litoral”.
Así mesmo, quixo poñer en valor o labor do sector hostaleiro local, afirmando que “os nosos hostaleiros demostran ano tras ano unha enorme creatividade e compromiso, convertendo o ourizo do mar en auténticas obras de arte culinario que respectan a tradición ao tempo que innovan e sorprenden aos padais máis esixentes”.
Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a participar nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa para desfrutar dun dos produtos máis emblemáticos do noso litoral, declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.
Concurso Gastronómico do Ourizo
Mañá venres celebrarase na Casa da Cultura, a partir das 19:00 horas o tradicional concurso gastronómico dedicado ao ourizo, que é a antesala da festa.
As propostas serán avaliadas por un xurado experto, que deliberará a continuación para escoller cales son as mellores tapas de ourizo desta edición, tendo en conta aspectos como o sabor, a presentación e a creatividade.
Algunhas destas tapas participantes poderán desfrutarse posteriormente na propia celebración o 7 de marzo permitindo así ao público degustar as elaboracións nun ambiente festivo.