O CONCELLO DE CERVO ARRINCA ESTE MÉRCORES UNHA NOVA EDICIÓN DE ARRUGUIÑAS, O PROGRAMA INTEGRAL PARA O BENESTAR DAS PERSOAS MAIORES

O Concello de Cervo pon en marcha este mércores, 1 de outubro, unha nova edición do programa Arruguiñas, unha iniciativa de envellecemento activo dirixida ás persoas maiores de 60 anos, e que se desenvolverá ata o mes de xuño.

O prazo de inscrición continúa aberto durante todo este mes de outubro na Casa da Cultura e no propio Concello. Todas as actividades son gratuítas e inclúen talleres de memoria, terapéuticos, inglés, rutinas de exercicio, lingua de signos, actividades de socialización, charlas e obradoiros interxeracionais, entre outras.

Entre as novidades deste curso destaca especialmente a incorporación dun taller de inglés práctico para o día a día, da man da English School de San Ciprián. As clases terán lugar os xoves de 19:30 a 20:30 horas na Biblioteca de Cervo e os martes de 18:30 a 19:30 horas na Casa do Mar de San Ciprián. O obxectivo é que as persoas maiores se familiaricen con expresións e situacións habituais que lles resulten útiles na súa vida cotiá: dende manter pequenas conversas ou pedir información, ata interactuar en viaxes, facer xestións básicas ou empregar o móbil e internet en inglés. Non se trata dun inglés académico, senón funcional e adaptado ás súas necesidades, favorecendo tamén a confianza e a socialización.

Tamén se amplía o horario nos talleres terapéuticos, en resposta á demanda dos usuarios. Estes impartiranse en colaboración con Saúde Mental A Mariña, os venres de 16:00 a 18:00 horas na Casa do Mar, con propostas como taller de resina, textil, elaboración de xabóns ou deseño de axendas.

Ademais, o obradoiro Actívate tamén amplía horario e terá lugar os martes e xoves, de 11:30 a 12:30 horas, na Casa do Mar, e incluirá talleres dirixidos a favorecer o uso das novas tecnoloxías, obradoiros de estimulación das habilidades manipulativas e a psicomotricidade fina, entre outras.

O programa complétase cos talleres de memoria que terán lugar en Cervo, os martes e xoves ás 17:00 horas na Biblioteca; e en San Ciprián os luns e mércores a partir das 18:30 horas na Casa do Mar, en dúas quendas.

Ademais o programa Móvete terá lugar en Cervo os martes de 16:00 a 17:00 horas na Biblioteca e en San Ciprián os luns e mércores de 9:30 a 10:30 horas na Casa do Mar.

Pola súa banda a iniciación á lingua de signos desenvolverase os xoves de 17:00 a 18:00 horas na Casa do Mar.

Arruguiñas achegarase un ano máis ao Centro de Día Residencia con diferentes actividades, como o taller Coas túas mans, os mércores de 11:00 a 12:00 horas, dirixido a mellorar a atención, a concentración e as habilidades cognitivas a través de manualidades, e o obradoiro Actívate, os venres de 11:00 a 12:00 horas, ademais de talleres de terapia asistida con cans, da man de EMotivaVet e as cadelas Vilma e Tila.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, subliñou que “este programa naceu co obxectivo de dinamizar o día a día das nosas persoas maiores, ofrecéndolles recursos para manterse activos física, mental e socialmente, e lembrándolles o papel fundamental que desempeñan no noso municipio”.

Deste xeito, o programa Arruguiñas consolídase como unha aposta integral do Concello de Cervo polo benestar e a participación activa das persoas maiores.

Na presentación do programa, ademais da alcaldesa, participaron as diferentes profesionais que se encargarán de impartir os diferentes talleres e obradoiros; Natalia de Malaika, que impartirá Móvete; Icía que se encargará dos talleres de memoria en San Ciprián e que impartirá Actívate e Coas Túas Mans no CDR; Laura da English School de San Ciprián, Rosa de EMotivaVet que impartirá os talleres de lingua de signos e a terapia asistida con cans; Lis que impartirá os talleres de memoria en Cervo; Paula e Eva que asistiron en representación do CDR; Susana e Luz de UniSer Coaching, que se encargarán de Charlando (encontros informais e didácticos que terán lugar un martes ao mes) e tamén persoal da Cruz Roja que participará nesta iniciativa; e Alejandra e varias persoas usuarias de Saúde Mental A Mariña, que se encargan dos talleres terapéuticos.