O CONCELLO DE CERVO APOSTA POLA REFORESTACIÓN CON AUTÓCTONAS

Este mércores recibimos a visita da conselleira de Medio Ambiente, Àngeles Vázquez, que se achegou a coñecer a plantación de árbores autóctonas que temos na finca municipal das Quintas, que incluímos no noso PACES (Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentables).

 

A alcaldesa, Dolores García Caramés,.que estivo acompañada tamén pola edil de Medio Ambiente, polo delegado da Xunta, e pola directora xeral de Enerxías Renovables, destacou que este documento de compromiso ambiental está articulado sobre varios piares co obxectivo de mitigar os efectos do cambio climático e promover a sustentabilidade.

De entre eles destacaríamos -engadiu-o noso Plan Integral de Reforestación con árbores autóctonas.

En Cervo levamos máis de 15 anos repoboando fincas municipais e comunais con árbores do país. Plantáronse máis de 15.000 exemplares en máis de 25 hectáreas de monte.

En concreto, na finca das Quintas, de 16.000 m2 (1,6 Hectáreas) que é a que foi obxecto da visita, o que se fixo foi unha actuación progresiva que se iniciou fai uns 8 anos. É unha zona de continuidade do bosque de galería na contorna dunha depuradora ecolóxica.

Na actualidade é un bosque mixto repoboado con especies do país como castiñeiros, carballos, bidueiras... no que se poden atopar unhas 300 plantas, a metade delas plantadas dentro deste plan integral de reforestación, que se atopan en diferentes fases de crecemento.

A alcaldesa quixo destacar tamén o control das especies invasoras como as acacias que se fai na finca. Neste senso apuntou que se leva a cabo a súa tala e descortizamento por medios manuais xa que representan unha ameaza para a biodiversidade e a paisaxe. O control ecolóxico das acacias tamén o estamos a realizar de xeito intensivo no Conxunto Histórico de Sargadelos onde tamén proliferan dada a súa gran capacidade de adaptación ás condición climáticas.

A rexedora puxo de manifesto o compromiso de Cervo "nunha época na que o cambio climático e a perda de biodiversidade son ameazas reais e tanxibles, é a nosa responsabilidade actuar de maneira decidida, tal e como levamos facendo xa case dúas décadas".

O noso avance como sociedade -sinalou- veu acompañado dun elevado custe ambiental. Vimos a diminución das nosas áreas verdes, a erosión do chan e a perda de hábitats esenciais para a nosa flora e fauna. Para elo este bosque tamén pretende ser un refuxio para estes animais salvaxes repoboado con especies do país máis resistentes e adaptadas á nosa contorna, que tamén son unha herdanza ambiental para as futuras xeracións.

Porque a reforestación non é só un acto de restauración ecolóxica, senón tamén unha inversión de futuro, sentenciou.

 

https://www.xunta.gal/.../xunta-pone-valor-compromiso...