O CONCELLO DE CERVO APOIA AO CLUB DEPORTIVO SAN CIPRIÁN CUNHA ACHEGA DE 19.000 EUROS NESTE EXERCICIO

Máis alá da contía económica, desde o Concello quérese salientar especialmente que a relación co Club Deportivo San Ciprián vai moito máis aló deste convenio puntual, xa que se trata dunha colaboración constante, fluída e baseada na comunicación permanente. Ambas entidades manteñen un contacto directo e continuo ao longo de todo o ano, o que permite coordinar actividades,  e dar resposta de forma áxil ás demandas que xorden no día a día.

 

 O Concello de Cervo vén de formalizar un novo convenio de colaboración co Club Deportivo San Ciprián, ao que destina unha achega nominativa de 19.000 euros con cargo ao orzamento municipal deste exercicio. Esta partida específica reflicte o firme compromiso do goberno local co deporte base e co apoio ás entidades que contribúen de maneira decisiva á dinamización social e á promoción de hábitos de vida saudables no municipio.

Máis alá da contía económica, desde o Concello quérese salientar especialmente que a relación co Club Deportivo San Ciprián vai moito máis aló deste convenio puntual, xa que se trata dunha colaboración constante, fluída e baseada na comunicación permanente. Ambas entidades manteñen un contacto directo e continuo ao longo de todo o ano, o que permite coordinar actividades,  e dar resposta de forma áxil ás demandas que xorden no día a día.

Esta sintonía tradúcese nun traballo conxunto que favorece a organización de eventos deportivos, o mantemento das instalacións, o impulso das distintas seccións do club e a participación activa da veciñanza con obxectivo comúns centrados na promoción do deporte para todas as idades.

O convenio foi asinado esta mañá na Casa do Concello pola alcaldesa, Dolores García Caramés, e o presidente do club, Eduardo Rubal, nun acto no que se puxo en valor esta relación de cooperación continua.

A alcaldesa destacou que “o Club Deportivo San Ciprián é un exemplo do que significa traballar con constancia e compromiso polo deporte local, e para nós é fundamental manter esta colaboración estreita, diaria e baseada na confianza mutua”. Así mesmo, engadiu que “non falamos só dunha axuda económica, senón dunha relación viva, de acompañamento permanente, que nos permite avanzar xuntos e ir mellorando cada ano”.

García Caramés incidiu tamén en que “este contacto continuo facilita que o Concello coñeza de primeira man as necesidades reais do club e poida actuar con rapidez, apoiando tanto a organización de actividades como o crecemento das distintas disciplinas”.

O Club Deportivo San Ciprián destaca polo seu traballo incansable e pola súa capacidade para aglutinar múltiples disciplinas deportivas, entre as que se atopan o fútbol, o tenis de mesa, o piragüismo, o atletismo, o voleibol, baloncesto infantil ou  pádel, ofrecendo alternativas para persoas de todas as idades e contribuíndo a fortalecer o espírito deportivo do municipio.

Desde o Concello de Cervo reiteran o seu compromiso de continuar fortalecendo esta relación de colaboración estable, convencidos de que o traballo coordinado coas entidades deportivas é clave para seguir facendo de Cervo un referente no ámbito do deporte e da participación cidadá.