O CONCELLO DE CERVO ACOLLERÁ A II REGATA PROVINCIAL DE PIRAGÜISMO O DOMINGO 10 DE MAIO

A competición celebrarase no Encoro de Río Cobo a partir das 10:00 horas

 

Participarán o Club Deportivo San Ciprián, o Club Cidade de Lugo, o Club Fluvial de Lugo, o CP Altruán de Ribadeo, o Kayak de Foz e o CP Urban Hotel Viveiro

O Encoro de Río Cobo converterase o vindeiro día 10 no escenario da II Regata Provincial de Piragüismo, unha cita deportiva organizada polo Club Deportivo San Ciprián coa colaboración do Concello de Cervo.

O evento foi presentado nas instalacións municipais pola alcaldesa, Dolores García Caramés, e polo presidente do CD San Ciprián, Eduardo Rubal, quen destacaron a importancia desta proba dentro do calendario deportivo da comarca.

Na competición daranse cita clubs da Mariña e tamén da provincia, concretamente o Club Cidade de Lugo, o Club Fluvial de Lugo, o CP Altruán de Ribadeo, o Kayak de Foz e o CP Urban Hotel Viveiro, ademais do club anfitrión, o CD San Ciprián.

A rexedora quixo trasladarlles o seu apoio a todos os participantes, desexándolles unha boa xornada deportiva, e salientou especialmente o labor do Club Deportivo San Ciprián na organización deste tipo de eventos, que contribúen a dinamizar o municipio e a promover o deporte base.

As probas disputaranse nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, nas modalidades K1 e C1.

Dende o Concello animan á veciñanza e visitantes a achegarse ao encoro para gozar dunha xornada de deporte ao aire libre nun entorno natural privilexiado, consolidado xa como un espazo de referencia para a práctica do piragüismo.