O CONCELLO DE CERVO ACOLLE UN ANO MÁIS A PRETEMPADA DO CLUB NATACIÓN PORTAMIÑÁ DE LUGO
O Concello de Cervo acolle esta semana, un ano máis, a pretempada do Club Natación PortaMiñá de Lugo, que escolle novamente o municipio para desenvolver a súa posta a punto de cara ao inicio dunha nova tempada de competicións.
A expedición do club lucense desenvolve esta semana a súa preparación no municipio, facendo uso da Piscina Municipal Olímpica e das instalacións do Complexo Deportivo da Veiga
O Concello de Cervo acolle esta semana, un ano máis, a pretempada do Club Natación PortaMiñá de Lugo, que escolle novamente o municipio para desenvolver a súa posta a punto de cara ao inicio dunha nova tempada de competicións.
A expedición do club lucense está a realizar durante estes días diferentes sesións de adestramento na Piscina Municipal Olímpica de Cervo, complementando o traballo específico na auga co uso das instalacións do Complexo Deportivo da Veiga, cedidas polo Concello para facilitar o desenvolvemento da concentración.
A elección de Cervo por parte do PortaMiñá repítese así un ano máis, consolidando unha colaboración que permite ao club contar cunhas instalacións deportivas axeitadas para afrontar esta fase fundamental da tempada e, ao mesmo tempo, achega actividade ao municipio durante a súa estadía.
Antes do inicio do adestramento deste martes, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, acompañados polo presidente do Club Natación Porta Miñá, Fernando Timiraos, achegáronse ata as instalacións municipais para saudar aos deportistas e coñecer de primeira man o desenvolvemento desta pretempada.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a satisfacción do Concello por volver recibir ao club lucense: “É un orgullo que un club de referencia como o PortaMiñá confíe novamente en Cervo para preparar a súa tempada. Que repitan ano tras ano é unha mostra de que contamos con instalacións e recursos que responden ás necesidades dos deportistas e das entidades que nos visitan”.
García Caramés subliñou tamén o compromiso municipal coa promoción do deporte e co aproveitamento das instalacións públicas: “Desde o Concello queremos que as nosas instalacións estean vivas e ao servizo do deporte. Traballamos para que os nosos clubs e deportistas teñan as mellores condicións posibles, pero tamén para que Cervo poida acoller concentracións e pretempadas de entidades doutros puntos de Galicia”.
A rexedora engadiu que este tipo de iniciativas teñen tamén unha repercusión positiva máis alá do ámbito estritamente deportivo: “A presenza do PortaMiñá durante estes días tamén supón dinamizar o municipio. Os deportistas coñecen Cervo, desfrutan da nosa contorna e xeran actividade durante a súa estadía, polo que é unha colaboración da que nos beneficiamos todos”.
Desde o Concello de Cervo agradecen ao Club Natación PortaMiñá de Lugo a súa confianza por regresar novamente ao municipio e poñen en valor a súa aposta pola Piscina Municipal Olímpica de Cervo como escenario para a preparación do equipo.
O Concello desexa a toda a expedición unha excelente tempada e agarda continuar estreitando os lazos de colaboración co club lucense e con outras entidades deportivas que atopan en Cervo un espazo axeitado para a súa preparación.