MAÑÁ MARTES PECHA O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA AS ACTIVIDADES DAS ESCOLAS DEPORTIVAS DO CONCELLO DE CERVO
Pádel, skate, fútbol sala, patinaxe artística, zumba, volei, ximnasia de mantemento ou pilates son algunhas das actividades que inclúe o novo curso que arrincará en outubro
- O mércores, ás 19:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura terá lugar a presentación oficial da nova tempada
O Concello de Cervo pecha mañá o prazo de inscrición para as actividades da nova tempada das Escolas Deportivas Municipais que arrincará o vindeiro 2 de outubro.
O impreso para formalizar a inscrición debe ser entregado na Casa da Cultura, na Casa do Concello ou na Casa do Mar
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, animan a nenos e maiores a que formen parte das Escolas Deportivas que cada ano gañan adeptos 'tendo en conta os máis de 200 usuarios, que participaron na pasada edición'.
Destacaron que a oferta das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cervo ,que botaron a andar no ano 2007, pretende ser o máis ampla e diversificada posible, ofrecendo múltiples actividades aos usuarios como “skate, BMX, fúbol sala, patinaxe artística, deportes de raqueta - pádel, Tenis, Ping-Pong, Bádminton -, zumba, aeróbic, voleibol -único Concello da contorna que oferta este deporte - ; ou diversos xogos para os máis pequenos, entre outras disciplinas”.
E os adultos poden asistir a ximnasia de mantemento, pilates, aérobic e aero-zumba.
Nesta liña destacaron o compromiso do Concello de Cervo co deporte no seu conxunto “porque entendemos que é esencial para o benestar físico e emocional das persoas, en todas as facetas do vida, nas idades temperás, pero tamén nas máis maduras; polo que traballamos para facer unha proposta deportiva ambiciosa e o máis atractiva posible”, cremos neste senso –engadiron- “que imos humildemente no bo camiño porque vemos como ano tras ano o proxecto inicial medra e evoluciona grazas a implicación de todos”.
O vindeiro mércores, 27 de setembro, será a presentación oficial da nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, no Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:00 horas.