29/01/2016. O Centro de Artesanía que o Concello de Cervo pretende crear no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos conta xa con 7 interesados en participar.


Hoxe celebrouse a segunda reunión para a creación dun centro de artesanía por parte do Concello de Cervo no conxunto histórico artístico de Sargadelos, iniciativa que conta xa con sete interesados en participar. Anunciouno o alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, despois da xuntanza, na que tamén participaron os concelleiros Dolores García Caramés e Plácido Pérez Otero.
Alfonso Villares explicou que a esta reunión “foron citados aqueles artesáns que mostraran interese en situar aí a súa zona de traballo ou de exposición. A esta segunda xuntanza viñeron 7 artesáns, que mostran interese, dun ou doutro xeito, por instalarse en Sargadelos. E iso é o que a nós nos importa, porque queremos crear un centro de artesanía neste conxunto histórico artístico de Sargadelos, un sitio que recibe a moitos visitantes ao longo do ano, evidentemente moitos máis nas épocas de ocio estivais e en datas festivas, pero durante todo o ano son moitas as persoas que acoden a este conxunto histórico artístico”.
O rexedor engadiu que na xuntanza celebrada hoxe “aparte de que cada un deles nos mostrou as peculiaridades e as necesidades da súa artesanía en concreto, tamén nos valeu para ir xa perfilando como imos deseñar e como se vai facer, para desde o Concello poñernos cantos antes a traballar para preparar estes locais. Concretamente vai ser nas antigas caballerizas de Sargadelos, onde o edificio xa está rematado, tanto as paredes como o teito, e unicamente temos que facer os tabiques interiores, os chans e levar as infraestruturas de auga, luz e a rede de sumidoiros. Son as obras que desde o Concello vamos facer para preparar estes locais e poñelos canto antes a disposición daquela xente que quere ter o seu centro de artesanía no noso conxunto histórico artístico. É un proxecto que desde o Concello de Cervo temos moito interese en poñelo a funcionar, pero agora mesmo queda un trámite previo, porque unha vez que perfilemos o proxecto teremos que enviarllo a Patrimonio para que nos dea o visto e prace”.
O alcalde rematou manifestando que a reunión de hoxe “serviu para avanzar, sobre todo coa satisfacción de ver que hai artesáns interesados en estar neste conxunto histórico artístico”.