05/08/2016. A Casa do Concello acolleu hoxe unha xuntanza dda mesa técnica da xunta local de seguridade para coordinar os dispositivos das festas da Maruxaina e da Queimada.

A Casa do Concello de Cervo acolleu hoxe a celebración da mesa técnica da xunta local de seguridade para coordinar os dispositivos de emerxencias para as festas da Maruxaina, de San Ciprián, e da Queimada, de Cervo.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, comentou que 'nesta xuntanza quixemos tratar dun xeito máis pormenorizado os asuntos que afectan á seguridade de dous eventos importantes que temos no noso concello nestas vindeiras fechas, como son as festas da Maruxaina e da Queimada'.

Alfonso Villares salientou que 'son dúas festas de interese turístico galego e nas que a aglomeración de xente que se xunta tanto en Cervo como en San Ciprián é importante. Por iso nós temos que implicarnos e así o estamos facendo, como durante todos estes anos, á hora de garantir a seguridade de todas as persoas que acoden a estas festas'.

O rexedor cervense declarou que 'para iso estivemos reunidos o concelleiro de Protección Civil, a concelleira de Medio Ambiente, representantes da Guardia Civil e da unidade de Tráfico, o cabo do servizo de extinción de incendios, a Policía Local e representantes das comisións de festas da Maruxaina e da Queimada'.

Villares engadiu que 'entre todos definimos cales son aquelas cuestións que nos quedaban por detallar da anterior xunta local de seguridade, que tivo lugar a principios de xullo'.

O rexedor municipal subliñou que 'está todo preparado para que a seguridade destes eventos sexa moito mellor incluso que foi a das edicións anteriores, porque o traballo que estamos a facer é para que cada ano as cousas vaian mellor que os anteriores'.