O CONCELLO DE CERVO INICIA AS OBRAS DE RENOVACIÓN DAS BEIRARRÚAS DA AVENIDA DA MARIÑA, EN SAN CIPRIÁN, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 554.000 EUROS DE FONDOS PROPIOS

beirarrúas avenida da Mariña

En concreto, os traballos inclúen a substitución do pavimento actual por un novo acabado de adoquín de formigón, incorporando pavimento podotáctil nos puntos nos que así o require a normativa de accesibilidade. Tamén se renovarán os bordos e as bases de formigón necesarias para a correcta execución dos novos pavimentos.

O Concello de Cervo iniciou os traballos de renovación das beirarrúas da avenida da Mariña, en San Ciprián, unha actuación que contempla tamén meloras nas redes de saneamento e noutros servizos urbanos.

O proxecto conta cun orzamento de 554.930,62 euros, financiados integramente con fondos propios municipais, e abrangue unha superficie de intervención de aproximadamente 2.714 metros cadrados.

A actuación ten como obxectivo renovar os pavimentos peonís, mellorar as condicións de accesibilidade e avanzar na homoxeneización das beirarrúas desta zona coa imaxe das diferentes intervencións realizadas recentemente no núcleo urbano de San Ciprián.

En concreto, os traballos inclúen a substitución do pavimento actual por un novo acabado de adoquín de formigón, incorporando pavimento podotáctil nos puntos nos que así o require a normativa de accesibilidade. Tamén se renovarán os bordos e as bases de formigón necesarias para a correcta execución dos novos pavimentos.

O proxecto contempla, ademais, unha intervención na rede de saneamento, coa substitución dos tramos de colectores de formigón que presentan deficiencias por novas conducións de PVC, así como a execución de novos treitos da rede separativa de augas pluviais para completar a infraestrutura existente e evitar que as augas pluviais se incorporen á rede de residuais.

A intervención inclúe tamén actuacións puntuais na rede de abastecemento de auga na contorna da Casa do Mar, na canalización eléctrica próxima ao Museo Provincial do Mar e na rede de alumeado público, mediante o desprazamento das luminarias que actualmente dificultan o itinerario peonil.

As obras executaranse por fases ou tramos, co obxectivo de compatibilizar o desenvolvemento dos traballos co tránsito peonil e garantir, en todo momento, o acceso ás vivendas.